Os activos de Alimentos Lácteos saen a poxa o vindeiro 24 de xaneiro

Os activos de Alimentos Lácteos, que se atopa en fase liquidación, sairán a poxa nun único lote o próximo 24 de enero por un importe de 1,6 millóns de euros, pero a CIG considera que a elevada fianza que terán que depositar os interesados para participar na poxa, limita moito a posibilidade de que poida aparecer un comprador.

Non houbo ofertas durante a etapa na que os posibles interesados poderían adquirir as marcas da empresa, Deleite Galego -para o mercado autonómico- e Muuu -utilizada no ámbito nacional-, a un prezo bonificado, sempre que a súa oferta fose acompañada dun proxecto empresarial co compromiso de contratar a toda ou a unha parte do persoal.

Por iso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López Carmona, que exerceu nos últimos meses como portavoz do persoal desta empresa, opina que a obrigación dos posibles compradores de depositar "o 10% da cantidade de saída" dese lote de activos, valorado en 1,6 millóns de euros, deixa "pouca opción" á posible venda.

De feito, o portavoz sindical recoñeceu que, máis aló do que poidan valer comercialmente as dúas marcas que a empresa de base cooperativa conseguira situar no mercado, os demais activos de Alimentos Lácteos "pouco valor teñen", dado que a fábrica de Outeiro de Rei pertence a outro propietario.

Por iso, sostén que a obrigación de depositar "uns 161.000 euros" para participar na poxa "limita" a participación dos posibles compradores.

Comentarios