Os monicreques franceses recoñecen que son ''un pouco inxustos'' cos españois

Os guionistas dos monicreques de Canal + Francia, emisión satírica que irritou en España por chancear insistentemente coa presunta dopaxe de deportistas como Rafael Nadal, Alberto Contador ou Iker Casillas, recoñeceron que atacar aos atletas españois é "un pouco inxusto".

"Normalmente, nos monicreques partimos dunha información. Nese caso, non partimos de nada. Era un pouco gratuíto e inxusto. Non nos asustamos. Pero non iamos estar moito tempo co mesmo porque non había información para alimentar as cousas", sinalou nunha entrevista publicada hoxe no diario L'Équipe Julien Hervé, un dos guionistas desa emisión humorística cotiá.

"Morriamos de risa" co enfado que suscitaron aquelas bromas en España, agregou na mesma entrevista o seu compañeiro de faena
Lionel du Temple.

Os artífices desa soada emisión na que uns bonecos de goma presentan un punzante telexornal en clave de humor recoñeceron que o seu novo cabalo de batalla é o París Saint-Germain (PSG).

"De entrada, somos parisienses. Cando fas bromas de París, podes estar seguro de que tes a toda Francia apoiándote. Porén, se te metes co resto, a xente di que é asqueroso: 'ah, os parisienses...'", indicaron.

Á lista de personaxes que compoñen a nómina de silicona do PSG dos monicreques, como Zlatan Ibrahimovic, Leonardo ou "o príncipe" catarí, os guionistas quererían sumar ao adestrador do Real Madrid, José Mourinho, un personaxe "mítico".

Outro dos nomes que soñan ver por París para alimentar a guasa do seu telexornal é o dianteiro portugués do Real Madrid Cristiano Ronaldo.

"Cando o ves no campo, primeiro é un guapeiras e logo un deportista. Encarna perfectamente ao xogador metrosexual", sinalou Du Temple.

"Temos un 'sketch' no que non ía xogar porque se estaba peiteando", agregou Hervé.

Comentarios