'Los Suaves' e Rosendo devolven a música á Carballeira de Caldas

O Cultura Quente volveu celebrarse onte tras tres anos ausente. As entradas foron de pago e reduciuse a unha soa xornada
Momentos do festival que tivo lugar onte en Caldas de Reis
photo_camera Momentos do festival que tivo lugar onte en Caldas de Reis

A carballeira de Caldas de Reis volveu acoller onte unha nova edición do festival Cultura Quente, despois de tres anos sen celebrarse. Cunha versión reducida dun só día e con entrada de pago, a cita que se celebrou durante 14 anos consecutivos na vila termal volveu coa banda ourensana Los Suaves no cartel. A formación, cuxa actuación en Caldas de Reis en 1997 foi considerada o xerme deste evento, deu un dos seus derradeiros concertos tras anunciar a súa despedida.

Xunto á mesma actuou Rosendo, que tamén estivera nesta cita noutra edición. O artista fixo soar temas da súa traxectoria ante unha ateigada Carballeira. E é que, segundo membros da organización, a zona habilitada para acampar durante a noite xa estaba chea de xente arredor das 19.00 horas, pouco antes de que Pasajero dese comezo ao festival caldense.

Polo escenario tamén pasou o grupo La Fuga, que presentou ante o público o seu último traballo, ‘Más de cien amaneceres’, aínda que os integrantes da banda tamén repasaron temas de toda a súa traxectoria.

Os galegos Novedades Carminha foron os encargados de pechar o festival nunha actuación na que tocaron temas do seu álbum ‘Juventud infinita’.

orixes. A cita volve ás súas orixes nesta edición, segundo explicou o tenente de alcalde, Manuel González, que se amosou contento por recuperar o festival.

Neste sentido, González recordou que foi preciso poñer entrada de pago aínda que o acceso aos concertos fora de balde durante as 13 primeiras edicións. Ao mesmo tempo, plantexouse o rexurdir do festival dende un punto de vista sostible, polo que en lugar de tres días de concertos, como viña acontecendo até o último ano que se celebrou, nesta ocasión só houbo unha xornada festiva. Ademais de música, na programación tamén figura o festival Kaldarte, que se celebrará entre os días 6 e 10 de xullo.

Comentarios