Os traballadores acusan a Urbaser de bloquear a negociación do convenio

Os representantes sindicais da compañía de recollida de residuos de Marín informarán á Corporación municipal e aos veciños sobre a situación "para evitar un conflito"
Pleno celebrado el pasado jueves en Cotobade.
photo_camera Pleno celebrado el pasado jueves en Cotobade.

Tras a cuarta reunión pola negociación do convenio colectivo, os traballadores da empresa de recollida de residuos en Marín, Urbaser, considera que a firma "bloquea" o proceso coa súa "actitude de total intransigencia", segundo indicou o delegado sindical de CC.OO, Javier Castro Andión.

Nun comunicado feito público onte, o responsable sindical indicou que "a empresa dilatou a constitución da comisión negociadora" durante dous meses, cando o Estatuto dos Traballadores fixa o prazo nun mes. Ademais, durante as reunións "a compañía négase a levantar acta para que quede constancia escrita de cada unha das propostas", segundo indica Castro Andión.

Outro dos asuntos denunciados polo representante dos traballadores é que a firma "condiciona a negociación aos litixios que mantén co Concello de Marín", en relación ás condicións do contrato e co Goberno municipal. Neste sentido, os traballadores destacan que, "amparándose en procedementos xudiciais" que mantén co Concello, "a empresa pretende xustificar a súa proposta de conxelación de todos os conceptos económicos recollidos no convenio", cuestión que "vén mantendo desde a primeira reunión", segundo indica o representante sindical. Neste sentido, na reunión de onte a firma manifestou a súa "vontade inamovible" de conxelación salarial, "cuestión que fai imposible avanzar na negociación", segundo indica Castro Andión, que acusa de "mala fe" á compañía, que "vén manifestando desde o pasado 17 de novembro".

Tras a cuarta reunión entre empresa e representantes dos traballadores de Urbaser Marín celebrouse unha asemblea na que se acordou "por unanimidade rexeitar a intransigencia da empresa, ratificar a plataforma do convenio presentada en todos os seus termos e iniciar un proceso de información e mobilización que nos conduza a abrir unha negociación que a empresa ten bloqueada nestes momentos", sinalou o representante sindical.

Así mesmo, os representantes sindicais porán a situación en coñecemento dos representantes municipais e os veciños de Marín, co fin de solicitar apoios para "evitar un conflito na recollida de residuos", segundo informou onte o representante dos traballadores de Urbaser Marín.

Comentarios