Os traballadores das Gándaras din que foron avisados por teléfono do brote de lexionela

O comité de empresa do persoal laboral da Consellería de Traballo e Benestar en Lugo expresou este mércores "o seu malestar" pola forma na que foron informados os traballadores do centro de maiores das Gándaras da existencia dun brote de lexionela e denunciou que non se están "seguindo os protocolos necesarios" de prevención.

"Fomos informados telefonicamente onte ao mediodía", dixo a Efe o presidente do propio comité, Manuel Facorro, cando "as sospeitas son do día 4 deste mes e a confirmación é de días posteriores, do 5 ou do 6, cando se fixeron as probas para saber se existía o brote".

A falta de información aos empregados foi confirmada por outros traballadores á axencia Europa Press. "É unha irresponsabilidade", sinalou unha empregada, quen puxo o acento en que nun principio se pensou en que se trataba dunha avaría.

Mentres, o presidente do comité de empresa engadiu que a Administración "non está a seguir os protocolos necesarios para facer a prevención precisa de face aos traballadores".

Comentarios