Os viños do Ribeiro recollen os mellores sabores dunha terra bañada por catro ríos

Uvas de la D.O Ribeiro
photo_camera Uvas de la D.O Ribeiro

Situada na Galicia meridional, no bordo noroccidental da provincia de Ourense, a Denominación de Orixe Ribeiro aséntase sobre unha superficie de 2.685 hectáreas de viñedo, situadas na confluencia dos vales dos ríos Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño.

Así, ocupan os concellos ourensáns de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada e parte dos de Boborás, San Amaro, Toén, Carballiño e Ourense.

Os bordos montañosos illan esta comarca da influencia marítima atlántica, o que determina a súa menor cantidade de chuvia respecto de outras próximas. O clima é temperado e húmido, con temperaturas medias de 14,5 graos centígrados. As terras son maioritariamente de orixe granítica e, en xeral, acedas.

Os terreos do viñedo esténdense desde os 75 ata os 400 metros de altitude en vales e ladeiras ás veces de acusada pendente, que é salvada por terrazas denominadas socalcos ou bocarribeiras.

CARACTERÍSTICAS
Os viños desta denominación responden a unha serie de combinacións de exquisitos aromas afroitados e florais que case sempre resultan sorprendentes ao elaborarse con variedades autóctonas tradicionais (Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao e Sousón), que posúen unha acusada personalidade que os distingue. Os viños brancos do Ribeiro son lixeiros, frescos, secos, afroitados, de cor de palla pálida, elevado acedume fixo e unha graduación alcólica entre 9,5 e 13 graos. Estes viños deben consumirse preferentemente no primeiro ou segundo ano, ao non ser sometidos a procesos de avellentado.

Pola súa banda, os viños tintos do Ribeiro son de cor vermella morada e compensados de acedume, sendo a graduación comprendida entre 9,5 e 12 graos. O seu consumo, igual que os brancos, deberá ser no primeiro ano. Entre as variedades de uva e tipos de viño, as recomendadas para os brancos son Treixadura, Torrontés, Albariño, Loureira e Godello; mentres que as brancas autorizadas son Macabeo, Albilla e Palomino. No tocante ás uvas tintas recomendadas, son as variedades Brancellao, Caíño, Ferrón, Sousón e Mencía; mentres que as autorizadas son Garnacha e Tempranillo.

A produción media anual da Denominación de Orixe do Ribeiro é de 14 millóns de quilos de uva branca e 2 millóns de uva tinta, elaborada por 115 adegas, das cales 84 se acollen á figura de adega de colleiteiro (elaboran a partir de uvas da súa propiedade, non podendo comprar uva e non excedéndose dun límite máximo de produción de 60.000 litros).

MONOVARIETAIS

Os viños monovarietais presentan unha excelente estrutura, cunha cor non moi acentuada. Ao igual que os brancos, os tintos tradicionais do Ribeiro son plurivarietais, sendo o conxunto Brancellao-Caíño-Sousón o máis característico, achegando o Brancellao estrutura, o Caíño aromas e o Sousón cor. O viño torrado do Ribeiro é un caldo obtido a partir da selección das mellores uvas autóctonas da D.O., sometidas a un proceso de secado e pasificación baixo cuberta.

Os torrados brancos elabóranse exclusivamente con uvas das variedades Treixadura, Torrontés, Albariño, Loureira e Godello e os tostados tintos, das variedades Caíño, Ferrón, Sousón, Brancellao e Mencía. O viño desta denominación de orixe conta cunha feira monográfica, que serve tamén de exaltación destes caldos e que no ano 2011 acadou a XLVIII edición.

Celébrase no recinto feiral da Alameda de Ribadavia. Na última cita co Ribeiro participaron un total de oito adegas e 12 colleiteiros. Equipouse a feira cun expositor de degustación co fin de que o público puidese probar un total de 29 viños de 15 adegas que non están presenciais no recinto. A Feira do Viño do Ribeiro conta cunha cata popular e outra oficial.

A Cata Popular da Feira do Viño está pensada para o público en xeral e ten como distintivo que o público é o que cata e premia os mellores viños segundo o seu criterio. As marcas que participan son as presentadas polas adegas presentes na feira e son catadas a cegas, é dicir, sen coñecer o nome do viño. O evento premia tanto os mellores viños como os catadores que demostren as súas cualidades.

Na cata oficial só participan os viños presentes na Feira e que as propias adegas ensinan a concurso. Tamén esta cata se realiza a cegas, aínda que por catadores expertos. Primeiro consta dunha precata sobre mostras recollidas nas adegas por unha comisión que verifica a presenza duns volumes mínimos e da que se seleccionan algúns caldos e unha cata final cos viños finalistas, que se recollen anonimamente en mercado por inspectores do Consello Regulador.

Os viños desta comarca gozan dunha gran tradición, pois xa tiñan sona internacional no século XVI, cando na súa capital, Ribadavia, se estableceron normas para garantir a calidade e autenticidade dos ribeiros.

Un recoñecemento especial merecen os monxes do Císter, que se asentaron en San Clodio, no municipio de Leiro, e construíron un mosteiro. Os relixiosos observaron o enorme potencial do Ribeiro e ocupáronse do coidado e estudo das variedades autóctonas que hoxe en día dan prestixio ao Ribeiro fóra das fronteiras de Galicia e de España.

Comentarios