Máis de 30.000 persoas visitaron Ponte Caldelas nos cinco días de festas

A afluencia de xente chegou a desbordar os espazos públicos e establecementos locais
A actuación de El Combo Dominicano, un dos pratos fortes das festas, ateigou a Alameda do municipio
photo_camera A actuación de El Combo Dominicano, un dos pratos fortes das festas, ateigou a Alameda do municipio

O Goberno municipal amosouse este mércores moi satisfeito logo de facer balance das Festas das Dores. Ó longo dos cinco días de celebracións, o Concello estima que un mínimo de 30.000 persoas participaron nas mesmas, en base a un cálculo que cualificaron de "moi conservador". O punto álxido da afluencia de visitantes produciuse o domingo, cando máis de 5.000 persoas gozaron do concerto de El Combo Dominicano desbordando a Alameda do municipio e os espazos próximos, a maior cifra de público dos últimos anos.

As festas comezaron o venres, co concerto Caldelas Xoven como atracción principal. Varios intérpretes de electro-latino, con Dr. Bellido á cabeza, fixeron bailar a mozos e non tan mozos ata ben entrada a madrugada, rematando cun canón de escuma que foi moi ben recibido polos asistentes. O sábado mantívose o éxito de afluencia co Festival Folclórico e a verbena a cargo da orquestra Televisión.

O domingo foi a quenda de El Combo Dominicano, e o volume de xente congregado ó longo do día en Ponte Caldelas desbordou os aparcadoiros gratuítos dispoñíbeis, complicando a tarefa de aparcar. Tamén chegou a ateigar os bares e restaurantes do municipio. En xeral, o impacto das celebracións sobre a hostelería local foi moi notable durante todos os días de festa.

O Festival Ponte Caldelas, celebrado o luns, puxo o acento na música tradicional, con actuacións das principais agrupacións musicais da vila. Tamén houbo unha nova verbena, esta vez a cargo da orquestra Miramar. O martes, último día de festas, houbo outra verbena, que durou ata as 8 da mañá na Alameda.

O alcalde, Andrés Díaz, aproveitou o balance para agradecer o esforzo ós traballadores municipais e ás empresas colaboradoras na celebración das festas, así como ás autoridades presentes e os grupos musicais participantes. Finalmente, atribuíu ós propios veciños que as festas de Ponte Caldelas sexan "unha refencia en toda a bisbarra", e afirmou que "sempre hai cousas que mellorar, pero creo que temos motivos para estar contentos".

Comentarios