Maneiro afirma que a Xunta non atopou reparo para outorgar a Pescanova 44 millóns desde 2005

A Xunta outorgou desde 2005 un total de 44 millóns de euros en axudas á matriz e filiais da multinacional Pescanova e, durante a súa tramitación, a Intervención do Goberno galego non atopou reparos para a súa concesión.

Estas cifras foron achegadas en comisión parlamentaria polo secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, para responder á deputada nacionalista Carme Adán, quen chegou a falar de piratería "empresarial" e denunciou o que considerou trato de favor da Xunta á multinacional galega tanto na concesión de axudas como nos plans acuícolas.

Maneiro negou este extremo e chegou a sinalar que do total de axudas concedidas nos últimos oito anos, o 60 por cento correspondeu ao Goberno de coalición de PSOE e BNG e o 40 por cento restante, aos Executivos do PP.

A deputada destacou que se publicou que a maioría das facturas de Pescanova eran falsas. "Hai unha fraude enorme, ¿van reclamar a revisión de facturas?", preguntouse a deputada nacionalista, ante o que o secretario xeral respondeulle que o asunto está xudicializado e que corresponde a un xuíz determinar se están ou non falsificadas.

Juan Carlos Maneiro sinalou que ademais da empresa matriz, obtiveron axudas as filiais do grupo Insuiña SL, Peixe Austral SA, Pesca Fresca SA, Pesqueira Vasco Galega SA e Baixamar SA.

As axudas globais que obtiveron estas empresas no período 2005-2013 foron 44 millóns de euros, aos que hai que engadir un préstamo participativo nos últimos meses por importe de catro millóns.

Destes fondos, a Consellería de Industria outorgou 6,5 millóns e a de Pesca 41,2.

Do total de axudas, Pescanova SA recibiu 13 subvencións en distintas convocatorias, catro por procedemento de concorrencia competitiva, e unha delas non competitiva e non aparece ningunha concesión de axuda directa.

Igualmente, outorgáronse 27 axudas ás empresas do grupo empresarial, das que 24 foron polo procedemento de concorrencia competitiva, e tres delas préstamos participativos.

á pregunta de Adán de se no momento da súa tramitación as axudas sufriron algún reparo pola Intervención da Xunta, indicou que nos datos do sistema contable relativas ás axudas ou propostas de pago "non consta que se fixese ningún reparo".

Maneiro tamén sinalou que a normativa de subvencións establece a obrigación da Xunta de comprobar as subvencións que outorga e deuse cumprimento tamén no caso de Pescanova.

Precisou ademais que o feito de que a Xunta forme parte do consello de administración dunha das filiais non quere dicir que puidese ter información do estado do grupo e que o problema na empresa en que estaba representada non levantou sospeitas.

O secretario xeral, ademais, dixo non querer entrar a analizar os procesos xudiciais en que está inmersa a empresa, aínda que destacou que a actuación da xustiza non debería afectar á viabilidade da empresa nin aos seus postos de traballo.

O fundamental agora, unha vez presentado o plan de viabilidade, dixo, é alcanzar "canto antes" un acordo coas entidades financeiras e sinalou que todo parece indicar que a empresa é viable.

Maneiro insistiu, ante a insistencia de Adán na falsificación de facturas, en que o proceso está xudicializado, polo que, en tanto non se resolva, "non debemos facer nada, son os xuíces os que teñen que determinar se hai falsidade ou non".

Pero, dixo, as axudas si foron revisadas e, "a día de hoxe cumpren, o día que non cumpran, non teña ningunha dúbida de que tanto a Consellería de Medio Rural e Mar como a de Industria imos actuar en consecuencia, como facemos con calquera empresa", concluíu

Comentarios