"De Vilalba lembro todas as horas que pasei sentada nos 'ceniceros' coas miñas amigas"

María Reimóndez: "Os espazos deben ser biodiversos, precisamos máis voces feministas"

O Iescha, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais uniron forzas para lembrar a Agustín Fernández Paz co I Premo de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, que xa ten a súa primeira gañadora: a escritora, feminista e tradutora María Reimóndez coa obra 'Fóra do normal'
María Reimóndez
photo_camera María Reimóndez

Como senta ser a primeira gañadora dun premio que leva o nome de Agustín Fernández Paz?

Síntome cunha ledicia inmensa e moi humilde porque o legado de Agustín Fernández Paz é enorme. É un referente para todas as persoas que nos dedicamos á literatura infantoxuvenil en Galicia e fóra, no literario e no humano. Ademais, creo que este premio é especial porque valora textos que traballen a igualdade en calquera acepción e teño para min que moitas veces os textos que fan algún tipo de crítica non adoitan ter moita fortuna nos premios literarios. Hai unha teima ao meu ver bastante pouco axeitada con que calquera texto que trate cuestións digamos “políticas” cae no adoutrinamento e eu penso que a literatura é unha ferramenta de transformación social que utiliza a creatividade e a imaxinación para divertir mais tamén para reflexionar sobre o mundo. Este segundo aspecto, ao meu ver, non diminúe, senón que aumenta o valor literario das obras. Nese sentido, que este premio valore o traballo crítico da literatura infantoxuvenil é un punto que valoro especialmente.

Con que se quedaría do escritor vilalbés, que o fai único?

Precisamente o que acabo de comentar sobre o premio. A literatura de Agustín é fondamente engaiolante mais profundamente humanizante, crítica co mundo e con cuestións básicas como a desigualdade de xénero. Nun contexto no que nin sequera moitas veces as autoras se atreven a poñer a nenas como protagonistas dos textos, el traballou sempre cunha sensibilidade abraiante a visibilidade de nenas e mozas, lonxe de estereotipos que por desgraza seguen existindo e conformando unha sociedade desigual. Para min é un referente fundamental no literario, aspirar a chegar a esa combinación de literatura áxil que conecta co seu público lector pero que o transforma e o fai pensar. A nivel humano, ademais, tiven a fortuna de coñecer a Agustín, unha persoa que sempre nos apoiou ás que viñamos detrás. Niso tamén procuro parecerme a el todo o posible porque os espazos, tamén os literarios, deben ser biodiversos e precisamos máis voces feministas, críticas que veñan a acompañarnos e sigan as estelas que persoas coma el foron creando en tempos sempre complicados.

"Agustín Fernández Paz é un referente para todas as persoas que nos dedicamos á literatura infantoxuvenil, no literario e no humano"

A obra xa existía e encaixaba nas bases ou foi escrita para este certame?

A obra xa existía. Creo que en xeral a literatura ten que valer para fomentar formas de pensar que promovan a igualdade, non debería ser algo que se introducise á mantenta para un concurso senón algo que de forma orgánica e diversa estivese en todo o que se publica. No meu caso, non podo nin quero escribir doutro xeito.

Que é ‘Fóra do normal’?

'Fóra do normal' é o relato de catro personaxes que non encaixan ata que se xuntan. É unha exploración da importancia de vivir a diversidade como algo positivo, de atopar valor en ser quen somos e unha subversión da idea das e dos “perdedores” e marxinais. Quen está máis na suposta marxe ten sempre unha visión máis completa das cousas, moito máis que nos facer pensar e entender. Ao mesmo tempo, tamén é un relato no que impera o humor, os cómics como fío condutor e a amizade entre iguais, complexa mais sólida.

Que supoñen os premios para un escritor?

Para un escritor non sei. Para unha escritora coma min supoñen primeiramente un motivo de humildade e ledicia. Que entre tantos orixinais e de forma anónima se escolla un texto teu non deixa de ser unha fortuna inmensa. Mais nestes caso é tamén unha reafirmación dun xeito de escribir, o de enfoque feminista, que recibe moitos ataques. Cada premio a unha autora feminista demostra que se cadra o equilibrio de forzas no noso sistema literario vai cambiando, aínda que queda moito por traballar. Para min a importancia social das cousas tende a superar a importancia individual e é así que acollo calquera valoración deste tipo. Como un acto de esperanza e de xenerosidade por parte do xurado.

Á hora de escribir toda todos os paos, narrativa, poesía, ensaio... cada idea precisa ser plasmada por unha vía de expresión propia?

Si, cada libro é unha exploración e un proxecto que atopa de forma orgánica a súa vía de chegar ao público.

E no caso das obras infantís e xuvenís, como se chega á linguaxe atractiva para a xeración dos 140 caracteres?

Imaxino que escoitando, empatizando e non perdendo a conexión tampouco coas nenas ou adolescentes que fomos. Non creo que a xeración dos 140 caracteres sexa tan distinta a outras no que nos preocupa en esencia en certas fases da vida, algo que demostra que se sigan lendo libros escritos en épocas moi diferentes á actual.

"Que entre tantos orixinais e de forma anónima se escolla un texto teu non deixa de ser unha fortuna enorme"

Ademais de escribir, traduce. Cales son as claves para que unha obra non perda a súa esencia ao desaparecer o idioma orixinal?

Non conceptualizo a literatura como esencias e moito menos a tradución coma unha perda. A tradución é sempre unha ganancia, non só porque accedemos a unha lectura dun texto novo para o noso sistema literario, senón porque cada tradución ofrece unha visión diferente (a da tradutora) do texto. Nese sentido eu penso que na tradución o máis importante é ser responsable e explícita á hora de dar a entender á lectora dende que punto de vista se está interpretando o texto (algo que pode facerse a través de introducións ou de relatorios ou entrevistas que se nos fagan). Para min a tradución é un espazo político imprescindible, mesmo máis importante ca a escrita orixinal propia, porque nese caso podo contribuír a que se coñezan en galego voces de mulleres que nos teñen moito que dicir e que contradicir na nosa visión colonial da outra. É nese contexto no que traducín a autoras támiles como Salma ou Thamizhachi Tangapandian. Precisamos escoitar e ler as súas voces para desfacer os nosos prexuízos e crear alianzas sólidas e críticas.

O feminismo ten un gran peso na súa vida, cando foi consciente desa desigualdade? Existiu un punto de inflexión para comezar a traballar contra ela?

Dende a miña infancia fun consciente de que existía un gran nivel de desigualdade nas expectativas que se tiñan con respecto a nenas e nenos, homes e mulleres. Crecín con esa conciencia de alteridade (tamén por outras cuestións como a lingua ou o feito de non ser heterosexual) e os feminismos axudáronme a atopar as ferramentas de pensamento e de acción colectiva necesarias para transformar esa constatación que está á vista de calquera (por moito que os chamados “neomachistas” nos queiran facer crer que as mulleres agora temos todas as “vantaxes” e que xa vivimos na “igualdade”) nunha acción de transformación. O meu contacto coas mulleres organizadas do Sur da India e coas súas teóricas feministas foi para min a experiencia que me abriu as portas a entenderme a min mesma dun xeito diferente e adoptar non só unha óptica feminista senón tamén decolonial en todo o que fago. Grazas a elas puiden logo chegar a traballar e a aprender cada día de compañeiras doutros lugares como Etiopía, Haití, Paquistán ou Filipinas. Cada contacto é unha porta aberta de riqueza e coñecemento que parte obviamente dunha vontade mais que é unha gran fortuna que procuro logo transmitir alá onde vou.

Hai unha involución social neste tema?

Sei que hai unha certa ansiedade por constatar involucións e evolucións pero eu sempre digo que os dereitos son unha leira na que cómpre traballar cada día. Ningún dereito se consegue sen ese traballo e sempre hai forzas que procuran tirar abaixo o conseguido. Por iso hai que seguir sachando sempre, a superación da desigualdade de xénero non é algo que se vaia conseguir medindo certos fitos, é un traballo de transformación da sociedade dende as bases. E por suposto que neste momento hai moitos factores complexos en contra dese traballo, como a represión do estado ou o capitalismo rampante ao que lle interesa ter consumidoras ben clasificadas por xénero (con ovos Kinder rosas e azuis) porque se vende mellor. Mais tamén temos un artellamento grande dos movementos feministas e de transformación social que transcende as fronteiras físicas grazas a Internet e ás redes sociais. As mensaxes fatalistas non axudan, o que axuda é seguir facendo presión, sobre todo no día a día. Deixando de calar cando escoitamos comentarios que xustifican a violencia contra as mulleres, deixando de poñernos do lado dos homes a todas horas (algo ao que se nos ensina moito a través dos libros e produtos culturais mediante o protagonismo masculino como algo “neutro”, mentres que cando unha obra a protagonizan mulleres é “para mulleres”, por exemplo) e dando a ver a complexidade das vidas das mulleres e a necesidade de revisar os privilexios das identidades hexemónicas (masculinas, brancas, heterosexuais e falantes de linguas hexemónicas, para ir comezando).

"Os dereitos son unha leira na que cómpre traballar todos os días"

Por que razón feminismo e feminista son palabras malditas para algúns?

Porque forma parte fundamental do patriarcado demonizar a aquelas que tentan transformar a sociedade. Que o movemento que deu o voto ás mulleres, a posibilidade de estudar na universidade sen ter que travestirnos, de ter calquera profesión, de exercer os nosos dereitos reprodutivos e tantas outras cousas sexa unha palabra maldita di máis das persoas para a cal o é que da palabra en si mesma.

Fundou hai case 20 anos a ONG Implicadas no Desenvolvemento, con que obxectivos nacía e en que punto está agora?

Implicadas no Desenvolvemento nacía para facer cooperación feminista, é dicir, aquela que é crítica co propio concepto da cooperación; e feita dende Galicia, dende a nosa lingua, cultura e identidade. Por desgraza, no panorama das ONGs de cooperación seguimos sendo unha rara avis. O noso traballo baséase en sensibilizar a cidadanía galega sobre as moitas maneiras en que creamos explotación no Sur, dende o noso imaxinario colonial ao noso consumo, e apoiar ao mesmo tempo os procesos de pensamento e acción das nosas compañeiras nos países onde traballamos, neste momento no Sur da India, en Támil Nadu, e en Etiopía. Calquera que teña interese en traballar dende estas bases pode achegarse ao noso traballo (www.implicadas.net) e o que é máis importante, unirse a el para que poidamos ter máis capacidade de acción e incidencia nun contexto no que as cousas se nos poñen moi difíciles ás organizacións críticas coma a nosa.

 

Comentarios