Marrocos investigará a concensión do indulto ao pederasta español

O rei Mohamed VI de Marrocos aclarou hoxe que "nunca foi informado da gravidade dos crimes" polos que fora condenado o pederasta español Daniel Galván, ao que o monarca indultó dentro dun grupo de 48 españois o pasado martes.

O Gabinete Real fixo onte público un comunicado, a través da axencia MAP, de carácter excepcional, xa que é inusual que o rei dea explicacións sobre as súas decisións, e nel advirte de que abriu unha investigación "sobre esta lamentable liberación e identificar ao ou os responsables desta neglixencia para aplicar as sancións necesarias".

"A súa Maxestade o rei Mohamed VI nunca foi informado, de ningún modo e en ningún momento, da gravidade dos crimes abxectos polos que o interesado fora condenado", e por iso é evidente que nunca aceptaría que Daniel Galván poida deixar de cumprir a súa pena dada a atrocidade dos crimes monstruosos polos que foi considerado culpable", di o comunicado.

Daniel Galván foi condenado en 2011 a 30 anos de cárcere por abusar de once nenos menores de idade (entre 2 e 14 anos), pena que foi confirmada en apelación e en casación, pero o pasado martes saíu en liberdade sen cargos tras o indulto colectivo de 48 presos españois, que o Palacio Real marroquí presentou como unha resposta a unha petición neste sentido do rei Juan Carlos I.

Galván abandonou a prisión o mesmo martes, o mércores conseguiu un documento consular español para poder saír do país (pois o seu pasaporte estaba caducado) e crese que ese mesmo día abandonou Marrocos voluntariamente, aínda que o ministro de Xustiza Mustafá Ramid asegurou ese mesmo día que fora expulsado e prohibida a súa volta ao país.

O ministerio de Exteriores español aclarou ao pouco de coñecerse a noticia que a lista de indultados foi elaborada polas autoridades marroquís, non as españolas, mentres que o ministerio marroquí de Xustiza tamén declinou onte toda responsabilidade na elaboración da lista e dixo que esta foi "unha decisión real ditada indubidablemente polos intereses da nación".

O indulto real ao pederasta desatou unha inaudita onda de protestas (inaudita por tratarse dunha decisión do monarca) non só nas redes sociais, senón tamén na mesma rúa, e onte a policía dispersou con violencia polo menos dúas concentracións de protesta, en Tetuán e Rabat, cidade esta última onde se rexistraron varios feridos.

O nome de Daniel Galván era o último dunha lista composta case exclusivamente por españois condenados por tráfico de haxix, e os medios pregúntanse desde hai días quen foi a persoa que engadiu o nome de Galván (o último da lista, segundo a páxina web Lakome.com) e por que motivo.

Comentarios