Mato asegura que a administración tomará medidas de axuste ''que non van ser fáciles''

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, avogou hoxe pola "austeridade" da Administración pública para facer fronte á crise económica aínda que non fixo prognósticos sobre a recuperación do emprego.

En declaracións á Cadena Ser, segundo un comunicado facilitado pola emisora, Mato non fixo previsión algunha sobre cando podería recuperarse o mercado laboral, xa que considerou que a actual conxuntura é "convulsa" e que as perspectivas "cambian a cada momento".

Por iso, opinou que a Xunta "debe adaptar as súas políticas e aplicar medidas como a austeridade e o control do déficit", segundo a nota.

Agregou que os orzamentos do Goberno central obrigarán á Xunta a recortar aínda máis o gasto público e sinalou que a Administración terá que "tomar medidas que non van ser fáciles, porque hai que priorizar gastos e axustar os orzamentos á realidade".

Comentarios