Medio Ambiente inicia a limpeza de 15 puntos de verteduras incontroladas en Lugo e A Pastoriza

A campaña desenvolverase ao longo dos próximos meses, cun investimento de 400.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou este mércores os traballos para o selado de 15 puntos nos que se detectaron verteduras incontroladas nos municipios de Lugo e A Pastoriza.


Trátase dunha actuación ambiental incluída nunha campaña do goberno galego para erradicar máis de 65 puntos inventariados en toda Galicia e que se desenvolverá ao longo dos próximos meses, cun investimento de 400.000 euros.

No caso de Lugo, detectáronse eses puntos no Carqueixo, Camiño das Graveiras, o Polígono das Gándaras e Abella; mentres que na Pastoriza actuarase en cinco zonas: en Loxilde, Castrillón, Loboso, Campo do Oso e Currás.

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada de material e na repoboación das especies vexetais, cun investimento total de 100.000 euros. 

Comentarios