Navalia "roza" o 100% de ocupación a oito meses da súa celebración

A feira da industria naval de Vigo promociónase en novos mercados internacionais para seguir crecendo

A Feira Internacional da Industria Naval de Vigo, Navalia, que celebrará a súa sétima edición entre o 22 e o 24 de maio de 2018 no instituto feiral da cidade olívica (Ifevi), anunciou que "roza" o 100% de ocupación do espazo expositor oito meses antes da inauguración da feira. Así o comunicou a organización do evento, que tras remarcar que "o ritmo de contratacións non pode ser mellor", avanzou que esta semana arrinca a recta final da promoción internacional deste evento, co que espera chegar a novos mercados e seguir crecendo.

En concreto, Navalia participa esta semana na feira Defsec en Halifax (Canadá), para intentar introducirse no sector de defensa e telecomunicacións. Ademais, a finais de setembro acudirá a MYS Monaco Yacht Show e en novembro ao Boat Show de New Orleans, para captar empresas dunha industria "en pleno auxe" como son os cruceiros e iates de luxo.

O director da feira viguesa, Javier Arnau, explicou que con estas accións "Navalia busca pór no mapa internacional á industria naval galega xa non só en mercados tradicionais, como o dos ferrys ou o off shore", senón tamén "en mercados que en breve serán demandados polos principais axentes internacionais".

Comentarios