Navantia anuncia o inicio ''inminente'' da reforma do 'Monforte de Lemos'

Navantia anunciou esta tarde o comezo "inminente" dos traballos de reforma do buque Monforte de Lemos, da naviera de Fernández Tapias, que se acometerán na división de reparacións dos estaleiros públicos da ría de Ferrol e que supón un "gran reto tecnolóxico" e 150.000 horas de actividade para o seu persoal directo e auxiliar nos próximos meses.

O contrato entre a naviera e o grupo público naval comunicouse en setembro do 2013 e o barco estivo os últimos meses atracado nas instalacións de Navantia na ría galega.

A transformación do Monforte de Lemos será similar á que se acometeu no seu buque xemelgo, o Vigo.

Pasa por colocar unha nova planta de procesos sobre a cuberta principal para que o barco poida operar como buque de probas no Golfo de México a través dun contrato de fletamento coa petroleira Pemex, explica Navantia nunha nota.

"Será un gran reto tecnolóxico que inicia o camiño dun novo modelos para o desenvolvemento e transformación de barcos especializados en plantas de proceso offshore (lonxe da costa)", resumiu Miguel Rodríguez Lorenzo, responsable de Reparacións en Navantia Fene-Ferrol.

A planta de procesado que se colocará na cuberta principal servirá para recepcionar a produción dun pozo petrolífero, analizar o caudal e a calidade do cru antes de separar as fases e recoller o sobrante de acordo aos criterios da nova normativa ambiental, moito máis esixente, aprobada recentemente para regular as prospeccións de petróleo no golfo mexicano.

A obra de reforma do Monforte implica unha "considerable complexidade técnica", precisa Navantia, e tamén inclúe os traballos de montaxe de equipos, fabricación e montaxe de tubaxe, traballos eléctricos, instrumentación e control, finalización mecánica, integración e tarefas previas á posta en servizo.

"Este contrato conta co importante valor engadido de situar a Navantia nunha posición vantaxosa para optar a futuros contratos de transformación ou construción deste tipo de barcos, innovadores no mercado", termina o comunicado.

A compañía naval abre a porta a futuros "contratos de servizos similares" nesta liña "de construción e/ou de transformación de buques" na que estarían interesadas varias empresas entre as que contan a naviera de F. Tapias Galicia, que preside Fernando Fernández Tapias.

Pemex tamén é cliente de Navantia, á que contratou a construción dun dos dous floteles que se fabrican en Galicia para o grupo mexicano: un na ría de Ferrol e o segundo en Barreiras, Vigo.

Comentarios