Nigrán retira as bandeiras azuis das praias de Panxón e Patos ao non ter suficientes socorristas

O alcalde lamenta que o atraso na subvención da Xunta "impida" facer as contratacións en tempo e forma

O Concello de Nigrán retirou este luns as bandeiras azuis das praias de Patos e Panxón, ao non poder cumprir o cociente de dous socorristas por praia que esixe Adeac, e lamentou que o atraso na subvención da Xunta "impida" que a Mancomunidade do Val Miñor puidese facer as contratacións en tempo e forma.

O alcalde desta localidade, Juan González, precisou que a retirada destas bandeiras (a só tres días de que acabe a tempada) débese unicamente a un problema de xestión dos socorristas, xa que os areais afectados seguen cumprindo as esixencias de limpeza e calidade das augas.

Así mesmo, o rexedor aclarou que, a pesar dos insuficientes socorristas, as praias son seguras, xa que contan con persoal adicional de Protección Civil, e asegurou que Nigrán quere "seguir optando" a este recoñecemento de Adeac.

ATRASO NA CONTRATACIÓN. Finalmente, González criticou o procedemento de concesión de subvencións por parte da Xunta de Galicia, que cada ano atrasa a súa aprobación "ata un límite inconcibible". Ese atraso provoca que a Mancomunidade teña que aprazar tamén a contratación dos socorristas.

Así, en 2017 foi "imposible" reunir aos 27 socorristas que se esixían para as praias de Baiona e Nigrán, xa que a Mancomunidade tivo que atrasar a selección de socorristas e acabou por aprobar só a 17 dos 21 aspirantes presentados.

O alcalde de Nigrán afirmou que, para o próximo verán, buscará "solucións á marxe da Mancomunidade e da subvención da Xunta", e non descarta recorrer a "fondos propios" para garantir o número adecuado de socorristas e, así, as bandeiras azuis.

Comentarios