Núñez Feijoo: 'O alcalde de Outeiro de Rei dará as explicacións oportunas'

O INE continúa sen ter descanso a un mes das eleccións municipais. Cen presos do cárcere de Bonxe foron supostamente censados polo alcalde de Outeiro de Rei, xunto con máis de 400 anciáns do xeriátrico Carlos IV. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, tratou de quitarlle ferro ao asunto, dicindo que é imposible pensar que todos os reclusos "vaian votar ao mesmo partido político". Aínda así, Feijoo asegurou que o alcalde José Pardo "dará as explicacións oportunas", e que o apoiará se se demostra a legalidade das súas actuacións.

Outro alcalde do Partido Popular, o do concello pontevedrés de Cerdedo, foi acusado do suposto envío de cartas pedindo o voto dos emigrantes, algo que de confirmarse sería ilegal porque aínda non se abríu a campaña electoral. Ademais, tal e como recoñeceu Núñez Feijoo, tampouco sería lícito se ditas cartas fosen seladas co membrete do concello e financiadas con fondos públicos.

Esta presunta irregularidade súmase a outras que xa están a ser investigadas, como no caso do alcalde de Muxía (PP) ou o de Caldas de Reis (PSOE), que caíron en actuacións similares. E é que os 320.000 emigrantes censados supoñen unha parte moi importante e apetecible, que determinan o número de edís en moitos concellos.

Núñez Feijoo criticou as numerosas referencias á fraude no censo de cara aos comicios e sinalou que é unha manobra do PSdeG para "ensuciar e enfagar a vida política".

Comentarios