O accidente de Vilaboa reabre a disputa polo mapa de urxencias

A Plataforma de Bombeiros Públicos acusa o 112 de priorizar ao parque comarcal, cuxos efectivos estaban a máis de media hora
El atasco generado por el siniestro y las dos dotaciones, de O Morrazo y Pontevedra, en el punto
photo_camera El atasco generado por el siniestro y las dos dotaciones, de O Morrazo y Pontevedra, en el punto

O accidente ocorrido o mércores na N-550 que obrigou a excarcerar un ferido reabriu a polémica en torno ao mapa de urxencias da provincia e as isocronas (tempos de resposta) dos parques comarcais de Bombeiros. A colectivo Plataforma de Bombeiros Públicos -no que se integran o 80% dos traballadores dos parques de xestión directa- denunciou que o protocolo do Centro de Emerxencias 112 motivou un desfasamento de 20 minutos na atención a un ferido grave.

O colectivo sinala que o Mapa de Emerxencias asigna o Concello de Vilaboa a Bombeiros do Morrazo, unha estación comarcal que dista 30 quilómetros do punto do sinistro, en detrimento do parque de Pontevedra, que estaba a dez minutos do mesmo.

A plataforma relata como inicialmente se informou a este segundo parque, pero indicouse que sairía o do Morrazo por ser o que ten asignado, e só un cuarto de hora despois pediuse a axuda de Pontevedra, ao comprobarse que a dotación morracense, tras percorrer o desvío de Meira pola PO-551, estaba parada no atasco da rotonda de Rande.

O peche do Corredor do Morrazo influíu tamén neste desfasamento. A plataforma sinala ademais que o 112 nunca activa o Nivel 1 do Platerga -como está estipulado nestes casos- para evitar que se demostre estatisticamente a ineficacia do actual mapa de Emerxencias.

Comentarios