O BNG leva ao Parlamento as desfeitas causadas por xabarís e lobos en leiras

Xosé Luís Rivas anunciou que teñen na axenda diversas proposicións "non de lei" e outras iniciativas para buscar unha solución ao problema
Encuentro del BNG con ganaderos de A Estrada
photo_camera Encuentro del BNG con ganaderos de A Estrada

O deputado do BNG no Parlamento, Xosé Luís Rivas, anunciou este xoves que "temos na axenda diversas proposicións non de lei e outras iniciativas" para presentar no Parlamento sobre as desfeitas causadas por lobos e xabarís na comarca de Deza.

Así, Rivas mantivo o mércores un encontro en con gandeiros da Estrada cuxos hortos se viron afectados por estes animais salvaxes. Estivo acompañado polo concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, e por Susana Camba, do Consello Local e da Executiva Nacional do BNG. A reunión celebrouse nunha leira de Lamas afectada polo xabaril ata en catro ocasións.

"O BNG está comprometido co sector agrogandeiro na procura dunha solución aos reiterados ataques a cultivos e gando por parte da fauna salvaxe", apuntou. "Esta situación está motivada pola desastrosa política agrogandeira e forestal do PP dos últimos trinta anos", sinalou, e engadiu que "é certo que temos moito monte, pero as eucalipteiras non dan alimento á fauna salvaxe, empuxándoa aos cultivos e aos animais domésticos no caso do lobo".

Ademais, o deputado indicou que "facer batidas xa se ten demostrado que non é a solución, estamos por manter a diversidade, mais avogamos pola posta en marcha de recursos para medidas preventivas que impidan o achegamento da fauna salvaxe aos cultivos, así como o pago xeneroso e inmediato de danos".

Rivas considerou que non se pode permitir que os gandeiros chamen ao 012 para que lles levanten acta das desfeitas causadas polo xabaril "e que non atendan ás súas demandas".

"O que non pode ser é que os gandeiros e gandeiras teñan que agardar anos para cobrar unha indemnización miserenta que non cobre as perdas ocasionadas, porque non estamos a falar duns graos de millo que se perden, estamos a falar das perdas na produción, de alimento para o gando", cun prezo superior ao que paga a Administración, defendeu.

Comentarios