O chef Iván Domínguez pregoará a XXII Festa do Galo de Curral de Cruces

O programa de actividades inclúe 'O Galo canta nas tabernas' o día 30 pola noite. Na xornada central, domingo 31, actuará María do Ceo e pechará os actos Panorama
El alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, hablando en la imagen, fue el anfitrión de la presentación de la fiesta
photo_camera El alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, hablando en la imagen, fue el anfitrión de la presentación de la fiesta

Un programa de luxo, para todos os públicos e con múltiples reclamos, desde o meramente gastronómico aos lúdicos e de lecer. A vixésimo segunda edición da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, que se celebrará o domingo, día 31 de maio na Praza Juan Carlos I deste concello dezao, terá como pregoeiro o recoñecido chef galego Iván Domínguez, posuidor dunha estrela Michelín e dous soles Repsol. Director gastronómico do Grupo Alborada e chef do Albaster (Madrid), o que pasa por ser un dos cociñeiros galegos con maior proxección nacional, pronunciará o pregón a partir das 13 horas.

Pero o festexo comezará moito antes, na véspera. Como novidade no programa de actividades figura ‘O galo canta nas tabernas’. Así, a partir das sete e media dos tarde grupos de música tradicional percorrerán os bares, cafeterías e restaurantes da localidade para abrir boca de cara á xornada central. Sobre as doce da noite e na Praza do Concello actuará a agrupación Os Carunchos.

O domingo a ambientación comezarán a pola os condutores dos coches clásicos e as actuacións de grupos de gaitas (O Arco de Merza e os gaiteiros de Piloño). A partir das 12 horas desenvolverase un espectáculo musical a tres bandas, coa Banda de Música de Silleda, a de Gaitas do Concello de Forcarei e o grupo Odaiko Percussion. O concerto estelar comezará tras o pregón, sobre as 13.15 horas. A fadista María do Ceo subirase ao escenario que se montará baixo a carpa na Praza Juan Carlos I. Antes da hora para comer, pecharán a xornada matutina, as femininas e afinadas voces das cantareiras de Malvela. Mentres escoitan algunha destas actuacións, os asistentes poderán gozar dunha degustación de racións de galo de curral, na praza anexa. Os cinco euros que custa cada ración inclúen galo con patacas e guarnición, pan e bebida. Serán aproximadamente 15 os establecementos hostaleiros que, repartidos por todo o municpio, ofrecerán menús a base de galo guisado ao modo tradicional. O menú completo, cun primeiro prato, galo e sobremesas caseiras, ademais de pan, bebida e café, terá un prezo unificado de 24 euros, o mesmo do ano pasado. Quen só desexe degustar un bo prato de galo sen aperitivo haberá de pagar15 euros.

Quen desexen levar un exemplar de galo sacrificado, ben do autóctono ou ben do de raza Mos, tamén poderán facelo. O prezo por quilo (roldan os 4 quilos) do galo da zona oscila entre os 10 e os 11 euros. No caso do de Mos dispárase a entre 12 e 15 euros o quilo. Durante a presentación do programa de actos da festa, este martes na Praza de Abastos de Santiago, o alcalde de Cruces, incidiu na aposta que está a realizar o Concello para conseguir un selo de calidade e unha IXP (Indicativo Xeográfico Protexido) para o galo de curral e anunciou que «tamén estamos a preparar un centro de envasado de ovos procedentes dos criadeiros cruceños».

O día grande tamén se celebrará o festival de Bandas de Música de Galicia, ás 17.30 horas, coas agrupacións de Ponteledesma, Teo e Merza. O colofón será tamén de luxo, a actuación, a partir das 22 horas, da orquestra Panorama.

Comentarios