O CHOP implanta "novos circuítos" en Urxencias para reducir os tempos de espera

Asegura que os pacientes obteñen cama en menos de cinco horas, "tempo que cumpre os estándares de calidade"
Entrada de Urxencias
photo_camera Entrada de Urxencias

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) comezou a implantar "novos circuítos" no servizo de Urxencias para "mellorar os tempos de resposta aos pacientes".

Así o informou este martes a directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruty Ferro, en resposta ás preguntas formuladas por este xornal despois de que o sindicato sanitario Prosagal se mobilizase contra o colapso do servizo e a prórroga do peche de camas en dúas unidades: Medicina Interna e Lactantes, onde seguen 43 camas bloqueadas.

A doutora asegura que o Complexo está a adoptar varias medidas para mellorar a asistencia das urxencias como, por exemplo, o desenvolvemento dunha aplicación para "ter a trazabilidade dos pacientes desde que entran en Urxencias". Un dos modelos a seguir é o sistema proxectado en 2011 para o Hospital de Lugo, que consiste en colocar unha pulseira de radiofrecuencia nos usuarios que entran por Urxencias para que poida ser lida de forma automática ao seu paso por cada estancia. Os obxectivos? Basicamente dous: acelerar os procesos e incrementar a seguridade do enfermo.

A dirección asegura que as infeccións cruzadas non aumentaron e avanza que presentará un plan de continxencia para a gripe


Sobre a apertura das camas que demanda Prosagal, a directora de Procesos Asistenciais incide en que a reactivación das unidades farase "segundo a demanda", seguindo as directrices do Plan de Adecuación da Hospitalizacion presentado en maio. "Nestes momentos todos os pacientes que acoden a Urxencias e requiren ingreso son hospitalizados no mesmo día. A espera media dunha cama é de menos de cinco horas, tempo que cumpre cos estándares de calidade", indica a mesma responsable.

A información choca contra as denuncias vertidas por Prosagal, o sindicato con maior representación no CHOP, que advirte de que os colapsos en Urxencias están a ser practicamente diarios e que os ingresos en planta tardan máis de dez horas pola falta de camas.

INFECCIÓNS CRUZADAS. Fernández-Arruty afirma que non se derivou a ningún paciente a un centro concertado pola falta de camas", como sinalou o sindicato, e tamén desmente que o peche das unidades favoreza a mestura de pacientes e, con esta, o risco de infeccións cruzadas. "Todo o persoal sanitario é coñecedor das medidas de prevención e de hixiene de mans, ademais de contar con todo o material que se precisa, segundo indicacións do servizo de Medicamento Preventivo". Este último servizo estuda "todas as posibles infeccións e illamentos" que hai no CHOP e, segundo a directora, non detectou "ningún aumento"· deste tipo de infeccións nos últimos anos.

Doutra banda, o CHOP está "a punto" de presentar ao persoal sanitario un "plan de continxencia" para facer fronte aos picos da gripe. A estratexia a seguir será acordada "cos diferentes servizos implicados", segundo informa Fernández-Arruty.

Comentarios