O Concello de Marín pon en marcha tres novas rutas culturais a museos

O Liste de Vigo, o Provincial de Pontevedra e os arqueolóxicos de Braga (Portugal) son os destinos elixidos polo departamento municipal de Cultura

O Concello pon en marcha tres novas rutas culturais que se levarán a cabo durante este mes, en febreiro e en marzo, "dando continuidade ás andainas culturais de outono", segundo informou este martes o Goberno local.

Neste caso, as actividades adáptanse á estación invernal, polo que consistirán en visitas a museos, de modo que a metereoloxía non afectará as saídas, como ocorreu nalgunhas das realizadas no outono.

A primeira das visitas será ao Museo Etnográfico Liste, situado na cidade olívica, e terá lugar o sábado 23 de xaneiro. Este recinto reúne unha parte da colección da Fundación Liste, a única visitable, xa que a que existe no Museo Olimpio Liste, de Oseira, non está aberta ao público.

Con máis de 2.500 pezas, nun percorrido polas distintas salas é posible coñecer diferentes aspectos da cultura tradicional galega a través de obxectos da vida cotiá, como o cultivo de centeo, os carros e ferramentas, os oficios rurais ou a medicina popular, entre outros.

Un bo número das pezas deste museo formaron parte de actividades que hoxe en día están esquecidas.

A visita organizada polo Concello sairá ás 11.30 horas da Praza de España e guiada ao Museo Etnográfico Liste terá unha duración aproximada dunha hora e cuarto. Ao finalizar, o autobús traerá os asistentes novamente a Marín.

A visita de febreiro, que se realizará o día 21, será ao Museo de Pontevedra e a terceira, o 20 de marzo, aos museos arqueolóxicos de Braga (Portugal).

VISITAS GUIADAS. As tres rutas estarán guiadas por persoas que traballan nos propios museos e os asistentes terán información complementaria por parte dun arqueólogo que acompañará o grupo en cada visita. Nos tres casos utilizarase un autobús para os desprazamentos, sempre con saída e chegada á Praza de España.

O número máximo de inscritos é de 50 para cada unha das actividades. Tamén será imprescindible que todos os visitantes saian da Praza de España para que os organizadores poidan levar un control exacto do grupo.

As inscricións realizaranse no Museo Torres, podendo anotarse unicamente para cada unha das saídas. Así mesmo, terán preferencia os veciños do municipio marinense.

Comentarios