O BNG propón que María Victoria Moreno tome a remuda de Fernández Ladreda no rueiro

Quere dar visibilidade ás mulleres de Pontevedra na toponimia, afondar na liña da galeguización e eliminar das rúas os nomes vinculados ao franquismo

O BNG propuxo aos grupos da oposición un novo cambio no rueiro municipal. Fíxoo na comisión de Cultura celebrada este luns e a través da súa presidenta, a concelleira Carmen Fouces, que expuxo que a rúa Fernández Ladreda pase a chamarse María Vitoria Moreno, a escritora á que o ano que vén se lle adicará o Día das Letras Galegas e que desenvolveu parte da súa vida profesional en Pontevedra, onde exerceu de profesora.

A iniciativa ten como obxectivo a supresión dos nomes de personalidades vinculadas á ditadura franquista das vías públicas, un traballo que en Pontevedra se impulsou tras a chegada de Miguel Anxo Fernández Lores á Alcaldía. A proposta enmárcase, ademais, dentro da liña da galeguización da toponimia que está a seguir o Goberno Local. 

A elección do nome dunha muller responde á intención do Concello de "feminizar" o rueiro municipal e render así homenaxe a figuras que ata agora quedaran relegadas do ámbito público e institucional. Un dos últimos casos foi o do desdobramento da avenida de Vigo, que recibiu o nome de Josefina Arruti.

MEIRÁS. Por outra banda, a Comisión de Cultura abordou este luns dúas mocións, unha do Grupo municipal do BNG e outra de Marea, coa mesma temática: o pazo de Meirás. Os grupos acordaron na comisión reunirse para tratar de levar unha moción única ao pleno municipal do venres, 15 de setembro.

As dúas mocións foron ditaminadas a favor cos votos de BNG, PSOE e Marea, e a abstención de PP e C,s.

Comentarios