O exalcalde de Vilagarcía Tomás Fole renuncia á súa acta de concelleiro

Deixa a portavocía municipal do PP para centrarse no seu labor no Congreso

O exalcalde de Vilagarcía Tomás Fole anunciou este venres a súa renuncia á súa acta de concelleiro e, xa que logo, ás súas funcións de portavoz municipal do PP, para centrarse no seu labor como deputado no Congreso.

Será no próximo pleno ordinario do 26 de outubro cando se presente oficialmente á corporación a renuncia por escrito.

Fole explicou en rolda de prensa que toma esta decisión para poder envorcarse "en corpo e alma" no seu papel de representante da provincia de Pontevedra na Cámara Baixa.

O pasado maio renunciou á reelección como presidente local do PP, posto que agora ostenta Alfonso González Gallego.

Fole fíxose coas rendas do partido en 2003, ano no que foi cabeza de cartel, do mesmo xeito que nas eleccións locais de 2007 e 2011, cando logrou a alcaldía para o PP. Tras pasar a ser líder da oposición logo dos comicios de 2015, foi incluído nas listas para as eleccións xerais do ano pasado e tomou posesión como deputado en novembro, en substitución de Irene Garrido.

Comentarios