O fiscal eleva a cinco anos de cárcere a súa petición de condena para un acusado de abusar da súa neta

O procesado alega que "nunca" tocou á nena e o pai da menor afirma que "sempre" estaban acompañados

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra o veciño de Ponteareas, Manuel V.L., acusado dun delito de abusos sexuais sobre a súa neta, que no momento dos feitos tiña uns seis anos de idade. Para o procesado, a Fiscalía eleva a cinco anos de cárcere a petición de pena.

Así, nas súas conclusións, o fiscal elevou a súa petición de condena de catro a cinco anos de cárcere ao apreciar o agravante de superioridade, polo que aumentou a súa petición de condena para o acusado a cinco anos de prisión, seis de afastamento sobre a menor e cinco anos máis de liberdade vixiada.

Pola súa banda, a defensa do procesado reclama a libre absolución ao considerar que non hai probas suficientes para condenar ao acusado.

"Nunca, nunca, nunca toquei a nena", repetiu varias veces o procesado ante o tribunal. Manuel V.L. recalcou que unicamente estaba cos seus netos á hora da comida e a cea, en compañía do resto da familia. "Nunca estabamos sos", asegurou.

Ademais, o home negou que sometese á súa neta a calquera tipo de tocamentos. Segundo a Fiscalía, os supostos abusos producíronse cando se atopaba os fins de semana na casa do seu fillo, o pai da nena, no ano 2015.

O acusado tamén explicou as "malas relacións" que mantén coa denunciante, a nai da menor, que se separou facía tempo do seu fillo.

Tamén o pai da nena puxo en dúbida a credibilidade da denuncia que presenta a súa exmuller, xa que asegurou que a nena e o avó só estaban xuntos en "momentos puntuais". "Sempre en presenza da miña nai, miña ou dos meus outros dous fillos", abundou.

Tamén afirmou que "en ningún momento" viu "nada raro" ou que a nena lle manifestase que algún tipo de receo cara ao seu avó. No mesmo sentido manifestáronse a esposa e a outra filla do acusado.

A vista oral celebrouse coa ausencia da menor, unha circunstancia pouco habitual, pero que é admitida polos tribunais para evitar a "victimización secundaria", segundo explicou o fiscal.

O Ministerio Público apoiou a súa acusación nos testemuños de referencia da nai e das psicólogas forenses que entrevistaron a nena e que sinalaron que o relato da pequena é "crible".

A nai da nena detallou ás maxistradas da Sección Cuarta que descubriu os supostos abusos de xeito casual ao atopar unha boneca á que a súa filla lle pintou os órganos sexuais.

Ao preguntar á nena por este comportamento inusual esta contoulle que o avó a tocaba na zona da vaxina, por fóra e por dentro da braguiña, cando sentaba no seu colo a mirar a televisión.

"Ela tiña medo a que eu a castigase ou a que isto xerase algún problema co seu pai ou o seu avó", xustificou a nai o feito de que a súa filla non lle contara iso antes.

Comentarios