O mariñán acusado de pedofilia coas súas fillas solicita anular as probas

Nega os feitos e o seu avogado afirma que as súas presuntas conversacións nun chat de pornografía infantil foron intervidas sen autorización xudicial e non está probada a súa veracidade
El acusado, a su llegada a la Audiencia de Lugo
photo_camera El acusado, a su llegada a la Audiencia de Lugo

O mariñán acusado de gravar e compartir en internet fotografas de contido pornográfico das súas propias fillas, de pouca idade, negou este mércores os feitos no xuízo, que se celebrou a porta pechada na Audiencia Provincial de Lugo. O seu letrado solicitou ademais que se anulasen as probas presentadas polas acusacións.

Por unha banda, o avogado da defensa pediu a nulidade das conversacións de chat que o acusado mantivo supostamente con outras persoas na rede Tor, un foro reservado a un reducido grupo de pedófilos no que intercambian material «de alta calidade». Segundo argumenta, a Policía de Nova Zelandia substituíu ao administrador da rede por un axente infiltrado para captar usuarios, «algo absolutamente ilegal en España». Ademais, afirma que non se pode acreditar a veracidade desas conversacións, xa que non foron ordenadas nin autorizadas por un xuíz e as transcricións tampouco foron adveradas por ningún fedatario público.

En canto ás fotografías, o letrado explicou que tampouco hai forma de confirmar se son auténticas ou se se trata dunha montaxe, «xa que non se realizou ningún estudo de megadatos para comprobar a súa autenticidade e saber cando se realizaron».

Doutra banda, a defensa do mariñán pide a nulidade da exploración realizada ás vítimas polos forenses do Imelga. Segundo expuxo, «a exploración das menores, por un erro técnico, non se atopa gravada na súa integridade, xa que faltan 48 minutos, e ademais non hai imaxe. E a lei esixe que sexa por medios audiovisuais», alegou.

Tras escoitar os argumentos da defensa, o tribunal acordou pospor ata o momento da sentenza a decisión sobre as nulidades e continuar o xuízo, no que o acusado negou taxativamente os feitos.

Para o fiscal e para a acusación particular, con todo, hai probas suficientes para concluír que o home realizou fotografías pornográficas das menores e efectuou con elas actos sexuais, aínda que non chegou a violalas «dada a desproporción de órganos existente». Segundo argumentan, o acusado colgou multitude de fotografías no chat e chegou a preguntar a outros usuarios que querían ver, «ofrecéndose a realizar actos á carta, sempre que non se visen as caras das nenas».

O fiscal pide 33 anos de prisión e a acusación particular, 36. O xuízo celebrouse a porta pechada na Audiencia de Lugo

Por estes feitos, o ministerio público acúsao de dous delitos de abuso sexual sobre menor de trece anos e outro delito de distribución de pornografía infantil, polo que solicita unha condena de 33 anos de prisión. A acusación particular eleva a petición a 36.

O letrado da nai, Gerardo Pardo de Beira, asegurou onte que este comportamento «pon de manifesto o abxecto e perverso ao que pode chegar un home na relación coas súas propias fillas menores de idade».

En canto ao estado da nai, asegurou que «está mal, seguindo tratamento e intentando superar a situación e moi pendente das súas fillas» que, segundo subliñou, «xa mostran secuelas e un dano potencial para o desenvolvemento da súa personalidade».

«Esperamos unha condena contundente, acorde cos feitos», sentenciou.

ANTECEDENTES. O acusado xa foi condenado a tres anos de cárcere pola Audiencia Nacional en 2003 por corrupción de menores na súa vertente de pornografía infantil.

Tras cumprir condena e saír de prisión, as forzas da orde neozelandesas detectaron a súa presunta participación nun foro pedófilo que estaban a investigar e alertaron á Interpol, que deu aviso á Garda Civil de Pontevedra e Burela. A operación acabou co arresto do home e o seu ingreso en prisión en xuño de 2015, onde permanece desde entón á espera de sentenza.

Comentarios