O Parlamento analizará se é viable denunciar o bloqueo do traspaso da AP-9 ante o Constitucional

Existe unha indignación unánime no Hórreo polo veto do Congreso a debater sobre a transferencia da autoestrada e os servizos xurídicos estudarán que alternativas hai ► O BNG pide dar un paso máis e reprobar a Rajoy e Pastor
Junta de portavoces
photo_camera Junta de portavoces

Os servizos xurídicos do Parlamento galego estudan que accións pode emprender a Cámara autonómica, tanto no seu conxunto, como os grupos que a conforman e os deputados a título individual, para que o Congreso dos Deputados debata a proposta de traspaso da AP-9. Esta proposta foi aprobada por unanimidade no Hórreo en dúas ocasións, pero noutras tantas a mesa do Congreso desestimou a súa admisión a trámite para ser debatida, a última a pasada semana.

Os grupos da oposición reclamaron explicacións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por esta cuestión e dúas deles, PSdeG e BNG, preguntaranlle na sesión de control do pleno da próxima semana. A portavoz do BNG, Ana Pontón, defendeu na Xunta de Portavoces dúas iniciativas sobre esta cuestión, unha para reprobar a Mariano Rajoy e a Ana Pastor por esta decisión e outra para acudir ao Tribunal Constitucional. En Marea e PSdeG mostráronse de acordo con "o fondo" das propostas pero lamentaron a forma.

Pedro Puy (PPdeG) indicou que na reunión chegouse a un "certo acordo de mínimos", na súa opinión, xa que "todos o grupos" coincidiron en "criticar a decisión da mesa do Congreso, que ningún grupo desta Cámara comparte". Con todo indicou que serán os servizos xurídicos, aos que se lles encargou un informe, os que determinen a forma de actuar e dirán se o que pretendía o BNG que o resto de grupos apoiasen este martes, o recurso ao TC, é viable.

Ademais, sobre o seu eventual apoio á proposta para reprobar a Mariano Rajoy e a Ana Pastor, o portavoz do PP galego no Parlamento autonómico dixo que "se contesta por si soa", en alusión á súa negativa. 

Luís Villares (En Marea) explicou que a negativa da mesa do Congreso parécelle contraria a dereito e incidiu en que politicamente é "bochornoso" o trato do PP a Galicia. "Ana Pastor foi candidata (ao Congreso) por Pontevedra. O PP sempre presume que di o mesmo en todas partes e que é o mesmo partido. É un xogo: alí non e aquí si; unha manobra orquestrada para negar a Galicia o dereito que ten", asegurou na súa intervención.

Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) anunciou iniciativas para sumar e concitar consenso entre os grupos no próximo pleno, xa que no da próxima semana non é posible. O portavoz socialista pediu seguir actuando con unanimidade e reclamou ao presidente da Xunta "que se poña á fronte e asuma o seu papel como presidente en lugar de actuar como representante do PP en Galicia".

Ana Pontón (BNG) cargou contra o "desprezo" a Galicia polo PP, "con Mariano Rajoy e Ana Pastor á cabeza" e censurou que "ante a labazada a Galicia" co veto ao debate da súa proposta aprobada por unanimidade no Parlamento autonómico o PP pida que os grupos queden "quedos". "Se non facemos nada consentimos", argumentou a deputada nacionalista, que insistiu na necesidade de reprobar a Mariano Rajoy e a Ana Pastor e de acudir ao TC pola "vulneración e violación" dos dereitos dos deputados sen esperar ao informe dos servizos xurídicos co que, na súa opinión, o PP só busca que transcorra o tempo e expire o prazo para poder recorrer.

OUTRAS CUESTIóNS. Ademais desta cuestión, Núñez Feijóo responderá na sesión de control a unha pregunta do portavoz de En Marea, Luís Villares, sobre "o recorte de liberdades públicas" co que "ameaza" o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva. Villares aludiu deste xeito á advertencia de Villanueva sobre a celebración de actos fóra da legalidade a favor do referendo en Cataluña suspendido polo Tribunal Constitucional.

O pleno da próxima semana debaterá ademais a aprobación da Lei de Benestar Animal e unha proposta do PSdeG para culminar a implantación da lei de medios públicos aprobada en 2011. Na sesión comparecerá o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para informar o plan de prevención de suicidios en Galicia.

Tamén verá a luz a comisión técnica de expertos que deberá analizar as vías legais para a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público, xa que PPdeG e PSdeG presentan sendas propostas. En Marea defenderá unha proposta que busca, ademais da devolución do pazo, a reparación das vítimas do Franquismo e pide a "exhumación todas as fosas" porque é "inaceptable" que siga habendo xente enterrada nas cunetas.

Comentarios