O Parlamento galego rebaixa as esixencias sobre a idade de xubilación dos mariñeiros

A modificación afecta a aqueles traballadores de buques pesqueiros de menos de 250 toneladas que operan en augas internacionais

O Parlamento galego aprobou este mércores a través dunha proposta do PPdeG e unha emenda de En Marea rebaixar as esixencias de xubilación dos mariñeiros galegos en augas internacionais, cos votos a favor de ambos os grupos, a abstención do PSdeG e os votos en contra do BNG. 

O Partido Popular presentou no Pleno do Parlamento de Galicia unha proposta non de lei na que rebaixou as esixencias en relación á redución do coeficiente reductor da idade de xubilación de mariñeiros en augas internacionais. 

O PPdeG e En Marea sacaron a proposta adiante, o PSdeG abstívose e o BNG votou en contra

A modificación levada a cabo pola Dirección Xeral da Mariña Mercante fixo que aos mariñeiros de buques pesqueiros de menos de 250 toneladas que operen en augas internacionais non se lles aplique o coeficiente reductor da idade de xubilación do 0,4% do que gozaban antes do cambio. "Está a traballarse nun regulamento europeo que redefinirá as características dos buques de pesca", afirmou Carlos López Crespo, o deputado do PPdeG que presentou esta iniciativa, e resaltou a importancia de crear unha mesa de negociación en canto se presente este novo regulamento. 

O deputado de En Marea Juan Merlo lamentou que o Partido Popular "non use a súa maioría absoluta para algo máis que instar a instar" e introduciu unha emenda ao texto para priorizar nos contactos ao sector pesqueiro que foi aceptada polo PPdeG. 

Pola súa banda, a deputada do PSdeG María Dolores Toja Suárez denunciou que esta iniciativa non resolve o verdadeiro problema dos mariñeiros e "só busca conseguir un titular nos medios". 

Para rematar, a parlamentaria do BNG Montse Prado sinalou que o regulamento europeo "non será aprobado antes de febreiro de 2018" e, ante a marcha atrás con respecto ao acordado na Comisión de Pesca, preguntouse "canto valen os acordos aos que chega este Parlamento".

Comentarios