Obama pecha un discurso histórico en español: ''Todos somos americanos''

O presidente dos EE UU, Barack Obama, anunciou hoxe un cambio histórico nas relacións con Cuba porque, ao seu xuízo, a política actual "fracasou durante décadas" e pediu un debate "honesto" no Congreso sobre o fin do embargo imposto á illa en 1961.

Nun discurso histórico desde a Casa Branca, duns 15 minutos e transmitido por televisión, Obama anunciou o inicio dun proceso para normalizar as relacións diplomáticas entre ambos os países, rotas desde 1961, e que contempla a apertura de embaixadas en Washington e A Habana nos próximos meses.

Onte, Obama e o presidente cubano, Raúl Castro, falaron por teléfono para pechar o acordo, tras un proceso negociador no que desempeñou un papel importante o papa Francisco e que incluíu reunións secretas durante varios meses de delegacións de ambos os países, na súa maioría celebradas en Canadá.

O "illamento non funcionou", argumentou hoxe Obama, para quen "é momento dun novo enfoque" cara a Cuba. O mandatario dixo tamén que a situación do contratista estadounidense Alan Gross, preso desde 2009 na Habana, supuña un "gran obstáculo" no seu obxectivo de avanzar cara á normalización das relacións con Cuba.

Gross foi liberado hoxe polo Goberno cubano "por razóns humanitarias" e xa chegou aos EE UU, mentres que os tres axentes cubanos do grupo de Los Cinco que permanecían presos en territorio estadounidense desde 1998 tamén aterraron na Habana.

Os tres axentes, Gerardo Hernández, Ramón Labañino e Antonio Guerrero, foron liberados a cambio dun oficial de intelixencia estadounidense que levaba case 20 anos preso en Cuba, segundo a Casa Branca. "Non espero que os cambios que estou a anunciar hoxe provoquen unha transformación da sociedade cubana da noite para a mañá", sinalou Obama. No entanto, defendeu que unha "política de compromiso" coa illa pode ser moito máis eficaz que o "illamento", e que "non serve os intereses dos Estados Unidos" tratar de empuxar "a Cuba cara ao colapso".

Nese marco, pediu ao Congreso, que a partir de xaneiro estará controlado totalmente polos republicanos, que inicie un debate "serio e honesto" sobre o embargo económico unilateral imposto a Cuba en 1961.

As medidas anunciadas hoxe por Obama inclúen a flexibilización das restricións ás viaxes e o comercio entre os Estados Unidos e Cuba, así como ás remesas que reciben os cubanos desde territorio estadounidense. Ademais, Obama pediu ao seu secretario de Estado, John Kerry, que revise a inclusión de Cuba na lista de países aos que Estados Unidos considera patrocinadores do terrorismo.

O presidente estadounidense tamén confirmou hoxe a súa participación no Cume das Américas que acollerá Panamá en abril de 2015 e á que Cuba foi invitada.

O seu discurso finalizou cunha frase en español, "todos somos americanos", dirixida ao pobo de Cuba e cunha mención ao heroe e poeta cubano José Martí.

Comentarios