As obras de mellora dos 17 viarios do rural lalinense empezarán para a semana

O alcalde asinou este mércores o contrato coa empresa Taboada e Ramos, que empezará os traballos pola praza de Soutolongo e Gondoriz

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou este mércores o contrato coa empresa Taboada e Ramos para a execución do proxecto de mellora e pavimentación de accesos a núcleos rurais, polo que se van a acometer melloras nun total de 17 pistas. Así, Cuíña anunciou que as actuacións se iniciarán previsiblemente a próxima semana e que empezarán polas previstas para o acondicionamento da praza de Soutolongo e as melloras programadas para Gondoriz.

O contrato asinouse despois de que se lle dese luz verde definitiva á iniciativa nun Pleno extraordinario. A pesar de que o investimento xa fose aprobada pola Corporación en setembro, o feito de que as obras non se puidesen adxudicar e certificar a tempo en 2016, obrigou a que o crédito para financialas tivese que ser incorporado a este exercicio. Isto provocou que houbese que esperar á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para poder executalas como investimento financieramente sostible con cargo ao superávit do Concello.

O proxecto está orzado en algo máis de 400.000 euros.

As obras de ampliación do local social de Prado, que aumentará a superficie en 45 metros cadrados, comezaron o mércores


Doutra banda, Cuíña, acompañado do concelleiro do Rural, Miguel Medela, a alcaldesa de barrio e membros da asociación de veciños, asistiu o mércores ao comezo das obras para a ampliación e mellora do local social de Prado, que "permitirá dar resposta a unha vella demanda veciñal e modernizar as instalacións para incrementar a súa calidade e prestacións", apuntou Cuíña. A iniciativa contempla dous tipos de actuacións diferenciadas, pero en conxunto permitirán aumentar de xeito considerable a superficie útil deste edificio público. Por unha banda, construirase unha zona nova, unida coa actual, e que aumentará a superficie útil do local en máis de 45 metros cadrados. Pola outra, eliminaranse os tabiques interiores e cambiarase a localización dos aseos para unir e racionalizar espazos. Deste xeito, o local pasará a ter unha superficie útil total de 112 metros cadrados.

Esta actuación conta cun orzamento de case 55.000 euros, financiado a cargo dos fondos procedentes do Plan de Concellos da Deputación, e foi adxudicado á empresa Construcións Rafer.

Comentarios