Once galegos en busca da gloria olímpica

Once foron os galegos que competiron en Pequín 2008 e once serán os que o fagan en Londres, nos Xogos que se inauguran mañá e nos que as principais opcións de medalla para os deportistas da nosa terra pasan polo padexeiro David Cal, o triatleta Javier Gómez Noya e o futbolista Diego Mariño.

O éxito de hai catro anos, cando os galegos se colgaron catro preseas (os ouros de Perucho e Antón Paz e as pratas de David Cal) marcan a meta desta cita. Daqueles heroes só repite Cal, quen, porén, só terá unha tentativa para facer historia como o deportista español con máis metais: o C1 1.000.

O ferrolán Gómez Noya, cuarto en Pequín cando era o máximo favorito, e o vigués Diego Mariño, integrante da selección de fútbol, completan a representación masculina de Galicia en Londres.

O resto de olímpicos galegos son mulleres. Ata oito participan nestes Xogos, coa padexeira Teresa Portela e a maratoniana Alessandra Aguilar á cabeza. A padexeira canguesa loitará por entrar na final do K1 200, mentres que a atleta lucense tentará esquecer cunha boa actuación o seu positivo accidental, un erro que cualificou “de principiante” e que lle custou unha sanción de tres meses.

Aguilar estará acompañada nesta proba por Vanessa Veiga, nada en Gondomar pero fincada en Toledo, que regresou ao maratón tras sete anos de inactividade e con tres fillos. Aos 33 anos, a campioa de España debuta nuns Xogos, unha situación que comparte coas regatistas Sofía Toro e Tamara Echegoyen –acompañadas na súa embarcación pola asturiana Ángela Pumariega–, a novísima nadadora Bea Gómez, a arqueira Iria Grandal e Begoña Fernández, estrela da selección de balonmán. Deles dependerá que o pavillón galego bique a gloria en Londres.

Alessandra Aguilar

Lugar de nacemento: Lugo
Data: 01/07/1978 (34 anos)
Altura e peso: 1,65 m / 50 kg
Proba: Maratón
Experiencia: Pequín 08

Teresa Portela

Lugar de nacemento: Cangas (Pontevedra)
Data: 05/05/1982 (30 anos)
Altura e peso: 1,72 m / 69 kg
Proba: Piragüismo (K1 200 m)
Experiencia: Sídney 00 / Atenas 04 / Pequín 08

 

Vanessa Veiga

Lugar de nacemento: Gondomar (Pontevedra)
Data: 20/07/1979 (33 anos)
Altura e peso: 1,59 m / 43 kg
Proba: Maratón
Experiencia: Debuta nuns Xogos

 

Sofía Toro

Lugar de nacemento: A Coruña
Data: 19/08/1990 (21 anos)
Altura e peso: 1,59 m / 68 kg
Proba: Vela (Match race)
Experiencia: Debuta nuns Xogos

 

Tamara Echegoyen

Lugar de nacemento: Ourense
Data: 17/02/1984 (28 anos)
Altura e peso: 1,74 m / 72 kg
Proba: Vela (Match race)
Experiencia: Debuta nuns Xogos

 

Iria Grandal

Lugar de nacemento: Ferrol (A Coruña)
Data: 13/08/1990 (21 anos)
Altura e peso: 1,61 m / 55 kg
Proba: Tiro con arco
Experiencia: Debuta nuns Xogos

 

Bea Gómez

Lugar de nacemento: Pontevedra
Data: 29/12/1994 (17 anos)
Altura e peso: 1,69 m / 61 kg
Proba: Natación (200 m estilos)
Experiencia: Debuta nuns Xogos

 

Begoña Fernández

Lugar de nacemento: Vigo (Pontevedra)
Data: 22/03/1980 (32 anos)
Altura e peso: 1,80 m / 71 kg
Proba: Balonmán
Experiencia: Debuta nuns Xogos

Comentarios