Orozco afirma que é ''imposible'' que a xuíza teña probas de que sexa subornado

O alcalde de Lugo, José López Orozco, está convencido de que "é imposible" que a xuíza instrutora da Operación Pokemon, Pilar de Lara, teña probas contra el por aceptar algún tipo de suborno, porque nunca recibiu "nin un só euro" e nin sequera chegaron a ofrecerllo.

López Orozco confirmou que os seus avogados aínda non recibiron contestación ao escrito que presentaron no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo para pedir que o alcalde sexa chamado de novo a declarar, neste caso en relación co contido do auto de intervención xudicial da empresa Cechalva, no que a xuíza explicita as súas sospeitas sobre un suposto suborno ao rexedor local.

Nese escrito, recordou López Orozco, tamén se solicita o levantamento inmediato do segredo de sumario, parar acabar dunha vez coa situación de "indefensión" á que se está vendo sometido por mor das filtracións que aparecen publicadas nos medios, pero tampouco nese sentido os seus letrados recibiron comunicación algunha.

"Como non é verdade. Como nunca recibín nin un sobre, nin un só euro, nin medio euro, nin dous céntimos, absolutamente nada, teño que dicilo ante a señora xuíza e ver se ela ten probas", dixo López Orozco en declaracións a Cópea.

Segundo o alcalde de Lugo, "é imposible que poida telas", porque nunca existiu tal suborno. "Teño que dicir que tampouco mo ofreceron. Polo tanto, non pode darse ese caso. De aí é de onde nace a miña forza e a miña total tranquilidade, dentro dun punto, para reivindicar a miña total inocencia", engadiu.

"Isto non lle gusta a ninguén. Eu só teño un patrimonio que é o da honradez. É a mellor herdanza que me deixaron os meus pais e a mellor herdanza que quero deixarlles ás miñas fillas. A un preocúpalle que se digan estas cousas", recoñeceu López Orozco, quen en todo caso dixo que a xente de Lugo coñéceo desde "hai moito tempo".

Comentarios