Orozco modifica o seu equipo tras a marcha dun edil

 O alcalde de Lugo, o socialista José López Orozco, anunciou hoxe unha nova remodelación no seu equipo de goberno, a segunda en poucos meses, por mor da marcha do ex edil Liño González Dopeso, encargado da concellaría de Medio Ambiente, que será substituído na Corporación local por Rosana Rielo no próximo pleno.

López Orozco compareceu hoxe ante os medios de comunicación acompañado polo portavoz do goberno local, Luís Álvarez, que ademais das responsabilidades de Urbanismo asumirá tamén o medio ambiente, mentres que Rosana Rielo, polo menos de momento, non terá competencias específicas asignadas.

López Orozco explicou que "o luns Rosana formará parte do goberno local, pero sen dedicación exclusiva, por motivos de axenda laboral", aínda que expresou o seu desexo de que esa situación "pronto se solucione".

Con respecto a Luís Álvarez, dixo que "ten unha importante tarefa por diante, que supón unha maior responsabilidade, pero tamén moitas ganas de traballar e moita ilusión".

"Son dúas concellarías moi similares, que se complementan en moitos casos, polo que é unha organización moi coherente", engadiu o alcalde en relación ás competencias de Urbanismo e Medio Ambiente que asumirá a partir de agora Luís Álvarez.

Outro dos cambios afecta os departamentos de Informática e Novas Tecnoloxías, que agora dependían do propio alcalde, dado que pasarán a formar parte das funcións de Manuel Núñez, cuxa concellaría xa se facía cargo dos servizos de Participación Cidadá, 010, Sanidade e Consumo.

Esta remodelación do goberno local é a terceira que ten que afrontar o alcalde de Lugo en menos dun ano, dado que xa tivo que reformular as funcións do seu equipo cando o BNG rompeu o pacto de goberno en coalición, pola imputación do propio rexedor local na Operación Pokemon, e cando deixou a Corporación local o que era edil de Servizos Xerais, Francisco Fraga.

Comentarios