Preto de 200.000 asistentes

Os Festivais Rías Baixas deixan un impacto económico de 26 millóns de euros na provincia

Promotores e representantes das administracións municipais eloxian a iniciativa que reúne a sete festivais baixo a mesma marca
Promotores, representantes políticos municipais e da Deputación posaron xunto ao grupo La Casa de los ingleses ao final do acto
photo_camera Promotores, representantes políticos municipais e da Deputación posaron xunto ao grupo La Casa de los ingleses ao final do acto

"Esta provincia é a bomba", dixo este xoves Carmela Silva. "A Deputación aquí o único que fixo foi agarrarse a unha idea extraordinaria. Grazas a vós enchemos Pontevedra de luz, de cor e de música". A presidenta da institución provincial clausurou, nos xardíns do Pazo das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas), a primeira edición dos Festivais Rías Baixas, unha marca-paraugas baixo a que este ano se desenvolveu a promoción dos sete festivais máis importantes de Pontevedra: Cultura Quente (Caldas), Atlantic Fest (A Illa), Portamérica (Nigrán), Sinsal (Illa de San Simón), Sonrías Baixas (Bueu), Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilaxoán). Segundo datos da Deputación, a celebración dos sete eventos deixou un impacto económico de 26 millóns de euros na provincia. Díxoo Julio Gómez, de Sinsal, que falou no nome de todos os promotores dos festivais. 

Segundo dixo Gómez, as sete citas incluíron 135 concertos en escenario, aos que habería que engadir as programacións de actividades complementarias. O promotor destacou que a cifra de asistentes se achegara ás 200.000 persoas, así como o feito de que a organización e desenvolvemento dos eventos xerase 2.000 empregos. Segundo dixo, nos Festivais Rías Baixas están involucradas unhas 300 empresas de 45 sectores diferentes. 

"O aumento dun 37% na cifra de asistentes do Sonrías Baixas e doutras porcentaxes no resto demostra que a idea funcionou", Sonia Outón

FUTURO. Julio Gómez tamén sinalou a aposta de futuro desta marca conxunta e a especial atención que os promotores queren poñer en tres eixos de traballo: "os relacionados co respecto co medio ambiente, os sectores sensibles de poboación e as novas tecnoloxías". 

Ademais dos organizadores dos festivais e da presidenta da Deputación, no acto participaron representantes das administracións municipais dos sete concellos que acollen algún dos festivais. Todos eles eloxiaron a iniciativa da Deputación Provincial á hora de promocionar os eventos baixo unha marca única. "Hai que agradecerlle á Deputación esta visión e ter convertido aos sete festivais nun gran evento", dixo a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón. Ao mesmo tempo, destacaron que nesta primeira edición se incrementase o número de asistentes a todas as citas. Fixo especial fincapé no asunto o concelleiro de Cultura de Bueu, Carlos Eirea. "O aumento dun 37% na cifra de asistentes do Sonrías Baixas e doutras porcentaxes no resto demostra que a idea funcionou", sinalou.

Comentarios