Os Mossos achan dous cadáveres no pantano de Susqueda, onde buscaban a dous mozos

Marc H.L, de 23 anos e veciño de Arenys de Munt e a Paula M.P., de 21 anos e veciña de Cambrils, desapareceran o pasado 24 de agosto
Pantano de Susqueda
photo_camera Pantano de Susqueda

Os Mossos d'Esquadra localizaron dous cadáveres, aínda sen identificar, no interior do pantano de Susqueda, nunha zona onde buscaban aos dous mozos da comarca do Maresme (Barcelona) desaparecidos desde o pasado 24 de agosto.

Segundo informou este martes a policía catalá, a Unidade Acuática dos Mossos d'Esquadra localizou dous cadáveres no interior do pantano de Susqueda e agora iniciáronse os protocolos de traballo para identificalos.

Os Mossos d'Esquadra buscaban nesta zona a Marc H.L, de 23 anos e veciño de Arenys de Munt (Barcelona), e Paula M.P., de 21 anos e veciña de Cambrils (Barcelona), tras a súa desaparición o pasado 24 de agosto.

A policía catalá está pendente dos traballos de identificación dos cadáveres para confirmar que se trate dos dous mozos desaparecidos, que ían nun coche que foi localizado afundido no interior do pantano en agosto pasado.

Os mozos, que estaban de vacacións, tiñan previsto visitar Tamariu, en Palafrugell (Xirona) e o Montseny e facer unha excursión nun kaiak, propiedade do mozo, polo pantano de Susqueda.

O kaiak inflable do mozo co que, ao parecer, pretendían facer unha excursión apareceu na auga -nunha zona próxima á que se atopou o coche, o chamado coll Palomera- medio desinflado.

A pesar de que os mozos saíron a facer a súa ruta o xoves, non foi ata a tarde do sábado cando os seus familiares, estrañados por non ter noticias deles, puxeron a denuncia na Oficina de Atención ao Cidadán (OAC) de Premià de Mar.

O coche da parella de mozos desaparecidos achado afundido no pantano de Susqueda "non caeu por accidente", senón porque "alguén o empuxou", segundo desvelou en agosto o conseller de Interior, Joaquim Forn. "A evidencia máis grande é que o coche non caeu por accidente, que o coche foi a parar ao pantano porque alguén o empuxou, alguén o levou. Esta é a maior evidencia que temos", asegurou o conseller.

Os axentes tamén localizaron unha nota con anotacións, aínda que se determinou que non era nin de despedida nin expresaba unha intención de suicidio, senón que só incluía reflexións da moza, segundo fontes da investigación.

Comentarios