Os primeiros restos dos castros da provincia de Pontevedra chegaron este martes ao Pazo de Liñares

Trátase de máis de 140.000 pezas arqueolóxicas que ata o de agora se custodiaban no Museo Provincial

Máis de 140.000 pezas atopadas nos xacementos castrexos da provincia chegaron este martes ao Pazo de Liñares para comezar os traballos de tratamento para a súa limpeza, restauración e posterior catalogación.

Deste xeito empeza a funcionar as instalacións do Centro de Xestión da Cultura Castrexa e do seu laboratorio de investigación arqueolóxica, onde van traballar entre dous e oito arqueólogos e restauradores, para o tratamento e clasificación das pezas e restos atopados nos asentamentos castrexos de toda a provincia.

A Deputación de Pontevedra vén desenrolando escavacións en 18 castros e asentamentos da Idade do Ferro localizados na provincia, nos que se atoparon centos de miles de pezas que teñen que ser tratadas e catalogadas, traballo para o cal se conta coa nova infraestrutura do Pazo de Liñares, que, tras solucionar os últimos problemas estruturais, ponse en marcha. Ate de agora estes restos estaban depositados no Museo de Pontevedra.

En principio, a maioría destas 140.000 pezas que este martes se trasladaron ao Pazo de Liñares proceden dos asentamentos de Monte do Castro, en Ribadumia, e de A Lanzada, en Sanxenxo, aínda que deberán recibir todos aqueles restos que poidan aparecer nos 18 asentamentos que a Deputación vén de escavar tras o convenio co Ministerio de Fomento.

Precisamente neste momento está en marcha a licitación do concurso para a posta en valor, acondicionamento e señalética destes 18 xacementos. Trátase dos castros de San Tegra (A Guarda); Alobre (Vilagarcía); Facho de Donón (Cangas); A Lanzada (Sanxenxo); Porta de Arcos (Rodeiro); Mercado dos Mouros (Valga); Igrexa Vella (Valga); Monte do Castro (Ribadumia); Adro Vello ( O Grove); Castro de Troña (Ponteareas); A Cabeziña (Oia); Castrolandín ( Cuntis); Alto da Cruz do Castro (Cotobade); Catro de Subidá (Marín); Castro de Toiriz (Silleda); Coto de Altamira (As Neves); Alto dos Cubos (Tui) e Castro de Penalba (Campo Lameiro).

Neste centro de xestión e no seu laboratorio arqueolóxico preténdese que tamén poidan desenrolar o seu traballo persoal doutras institucións e incluso abrilo a estudantes en prácticas de restauración.

Comentarios