Papandreu estuda privatizar a recadación fiscal dos principais morosos do país heleno

O primeiro ministro grego, Yorgos Papandreu, estuda privatizar a recadación fiscal dos maiores debedores do país ante o temor de que a corrupción na administración estea a frear o cobro de impostos.

Nunha entrevista publicada este xoves polo rotativo económico alemán Financial Times Deutschland, Papandreu explica que no seu afán por sanear as contas públicas o fisco heleno vai concentrarse no grupo de principais morosos, "unhas 14.000 persoas que deben ao Estado ao redor de 36.000 millóns de euros en impostos".

"Probablemente encargaremos esta tarefa a empresas privadas porque temos a impresión de que o aparello recadador (estatal) non pode facer iso e porque nesta tarefa non se mostrou moi competente", agrega Papandreu.

O primeiro ministro xustifica ademais a adopción desta atípica medida en que en Grecia hai outros 900.000 contribuíntes que deben ao Estado ata 1.000 millóns de euros por persoa..

O político socialista recoñece que Grecia "non ten unha axencia tributaria como os países do norte (de Europa)", cunha boa organización, unha regulamentación clara e capacidade para implementar o seu mandato.

"O sector público é moi burocrático e pouco transparente. é tamén necesaria unha reforma da administración, que chegue moi profundo, e que cambie a mentalidade de fondo", apostila Papandréu na entrevista.

A redución drástica da fraude fiscal é unha das ferramentas ás que está a recorrer Atenas para reducir a súa débeda pública, que na actualidade roza o 160 por cento do seu Produto Interior Bruto (PIB), segundo datos do Banco Central Europeo (BCE).

A aplicación de severos programas de axuste é a condición básica para que Grecia reciba os próximos tramos do seu primeiro rescate e para que se pechen en breve os detalles do seu segundo plan de axuda financeira.

Comentarios