Paralizados por segundo día os estaleiros de Navantia en Ferrol

A folga das auxiliares, convocada en solitario pola CIG, impide coa presenza de piquetes o acceso aos dous centros de produción naval

A actividade nos dous estaleiros que Navantia ten na ría de Ferrol permanece paralizada por segundo día consecutivo. Do mesmo xeito que este xoves, durante o inicio dunha folga de carácter indefinido convocada en solitario polo sindicato CIG na industria auxiliar que opera nos centros de Ferrol e Fene, os traballadores das compañías formaron piquetes que impediron o acceso ao seu posto de traballo tanto aos empregados da empresa principal como da industria auxiliar. Así, só permítese acceder ao recinto industrial a todos aqueles que aparecen nunha listaxe, propiciado pola propia Navantia, e que forman parte dos servizos mínimos decretados pola dirección da empresa naval pública.

O responsable de CIG Industria, Vicente Vidal, asegurou ante a porta principal do estaleiro que "a situación é idéntica á de onte (xoves)". "Está estancada, e non temos ningunha noticia nin por parte da dirección de Navantia nin da patronal, polo que seguimos mantendo o peche das portas nos dous estaleiros á espera dalgún tipo de contestación", abundou.

Vidal tamén rexeitou as afirmacións realizadas nas últimas horas pola dirección de Navantia na Ría de Ferrol e a patronal, a través de senllos comunicados, ao asegurar non entender "como por parar un día ponse o berro no ceo e asegurarse que parece que é a morte de Ferrolterra, cando hai pouco fixemos sete días de folga, polo convenio provincial do metal, e non pasou nada". Vidal quíxolles trasladar a estas partes que "ten na súa man acabar con isto, canto menos esteamos aquí mellor, e recordar que isto é unha loita lexítima por parte dos traballadores da industria auxiliar", sinalou, para lanzar tamén un chamamento aos outro sindicatos: "CC OO, UXT e M.A.S. aínda estades a tempo de sumarvos e porvos ao lado dos traballadores nas súas lexítimas reivindicacións".

COMUNICADOS. Por parte da dirección de Navantia na ría de Ferrol asegurouse este xoves, durante a primeira xornada de folga, a través dun comunicado, que este paro "é unha grave irresponsabilidade que pode ter consecuencias moi negativas sobre a execución dos programas en marcha", e que pode causar efectos "tanto sobre o futuro de Navantia como sobre o emprego actual e futuro".

En canto á patronal das auxiliares, solicitou a finalización desta folga indefinida xa que estiman que en caso de manterse "levará a curto prazo á perda de máis de 1.500 empregos e a quebra de numerosas empresas, ademais de provocar unha perda de competitividade que será irrecuperable".

Comentarios