Piden nove anos para un vilagarcián por deixar cega dun ollo á súa cuñada dunha puñada

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra xulgará este xoves, día 26, a un veciño de Vilagarcía de Arousa acusado dun delito de lesións, para o cal solicitan unha condena de nove anos de cárcere por deixar cega dun ollo á súa cuñada tras propinarlle unha puñada.

Segundo a acusación, ao redor das 13.55 horas do día 28 de abril de 2009, o acusado ''coa finalidade de menoscabar a integridade física da súa cuñada'', coa que convivía no mesmo domicilio, e ''tras establecer unha discusión, propinoulle catro puñadas, unha no ollo dereito''.

A Fiscalía de Pontevedra afirma que, ''como consecuencia deste último impacto'', o acusado ocasionou á súa cuñada ''un traumatismo contuso con estalido do globo ocular dereito''.

Como consecuencia daquela agresión quedou como secuela a perda de visión do ollo. O Ministerio Fiscal solicita para o acusado a pena de nove anos de prisión e por vía de responsabilidade civil, unha indemnización de 47.773 euros.

Comentarios