Pontevedra acollerá a rodaxe de tres anuncios de viños galegos

PONTEVEDRA. O salón do Liceo Casino de Pontevedra convertirase os 18, 19 e 20 de febreiro no plató de gravación de tres espots publicitarios dunha campaña multimedia que promocionará varias marcas de viños galegos.

Trátase dunha iniciativa apadriñada pola oficina Film Commission, creada o ano pasado pola Concellería de Turismo do Concello de Pontevedra, e que foi presentada hoxe pola concelleira Carlota román e Isaac González e Antón Veiga, da promotora Elemental Chefs.

Segundo adiantaron González e Veiga, os anuncios dos viños Gran Alanís (Ribeiro), Miudiño (Albariño) e Rectoral de Amandi (Ribeira Sacra) realizaranse a modo de festa coa presenza de tradicionais personaxes de cancións populares galegas como a Carolina da saia, o Sacristán de Coímbra ou a Carmiña que baila con zapato branco e medias de seda. Estarán acompañados pola Rianxeira e os Catro Vellos Mariñeiros, entre outros.

O grupo Weli Kings será o encargado de poñer música á gravación, que estará aberta ao público ata completar o aforo.

Para levar a cabo o traballo, a produtora convoca un casting para cubrir os postos de figurantes e mesmo dalgúns dos personaxes destacados, como os vellos mariñeiros, «que nos gustaría que fuesen pendencieros, arrabaleros». A selección terá lugar mañá xoves na Casa da Luz, na Praza da Verdura, entre as 12 e as 14 hores e pola tarde de 16.30 a 18.30 horas.

«Escogimos Pontevedra para la realización de los espots porque nos ha dado todas las facilidades del mundo», aseguraron os responsables de Elemental Chefs, que recalcaron que a idea é volver ao cine clásico, cunha rodaxe «de toda la vida y una localización increíble ». Pola súa banda, Carlota Román salientou que este tipo de eventos sirven para promocionar a cidade.

Comentarios