O actor Luis Tosar recrea en Pontevedra a un policía dos anos 20

O equipo de 'La sombra de la Ley' traslada a rodaxe a Lourizán, como última parada da súa etapa pontevedresa
Dani de la Torre y Luis Tosar en Pontevedra durante el rodaje de 'La sombra de la ley'
photo_camera Dani de la Torre y Luis Tosar en Pontevedra durante el rodaje de 'La sombra de la ley'

O director galego Dani da Torre continúa a rodaxe da súa película La sombra de la Ley na cidade de Pontevedra, uns labores ata as que este luns se achegaron o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e a edil pontevedresa Carme da Silva.

A loxística da rodaxe é visible na avenida Montero Ríos e no IES Valle Inclán desde a pasada semana o que suscitou o interese dos curiosos. E é que despois do éxito de El desconocido, o director Dani da Torre volve recorrer ao talento do actor Luís Tosar para rodar esta produción de Vaca Films, Atresmedia Cine e A Lei do Chumbo AIE. A repartición complétano os actores Michelle Jenner, Vicente Romeu, Ernesto Alterio, Paco Tous e Manolo Soto.

O Concello de Pontevedra, entre outros, colabora dun xeito activo na produción dunha película que ten máis de 80 decorados naturais exteriores e interiores.

LOURIZÁN. Da Torre explicou que están a finalizar a parte pontevedresa da rodaxe. "Queda hoxe e mañá –polo luns e o martes– no Pazo de Lourizán", manifestou antes de mostrarse "moi agradecido" pola acollida que lle está dispensando a cidade. "Estánnos a tratar moi ben. É unha cidade moi fermosa, estase moi ben aquí, moi a gusto".

Tras iniciar o pasado 12 de xullo a rodaxe en Barcelona, o equipo trasladouse o día 23 a Galicia para gravar a maior parte das escenas de exteriores en distintos puntos da comunidade. "Galicia en xeral, menos Santiago polo turismo, é moi cómoda para rodar, nada que ver con Barcelona", sinalou o director.

Ademais de Pontevedra, La sombra de la Ley terá localizacións en Santiago, A Coruña, Lugo, Ferrol para finalizar en Monforte de Lemos, vila de Dani da Torre. Será no Museo do Ferrocarril desta localidade onde recrearán o atraco a un tren.

UNHA RODAXE PASADA POR AUGA. A rodaxe deste luns viuse trastornado por un inesperado invitado: a choiva. "Estabamos a facer unha toma con sol e logo tivemos que reformular todo e facelo con choiva. A choiva é moi fermosa e case nos fixo o favor", engadiu o director.

Pola súa banda, a produtora executiva Enma Lustres detallou que o histórico edificio do instituto Valle Inclán representará na película unha comisaría dos anos 20, "un dos decorados fundamentais da película".

O equipo de documentación buscou edificios de finais do XVIII, do XIX e de principios do XX. Así, en Pontevedra visitaron a Facultade de Belas Artes, a Casa Consistorial, o Pazo provincial da Deputación, incluso algún edificio militar, pero "o que máis lles gustou foi o Valle Inclán porque se adapta moi ben".

O argumento deste thriller sitúase no ano 1921. España vive un momento axitado e caótico: son os anos do chumbo, froito dos violentos enfrontamentos rueiros entre matóns e anarquistas. Neste contexto, Aníbal Uriarte –interpretado por Luís Tosar– é un policía enviado a Barcelona para colaborar na detección dos culpables do roubo dun tren militar.

La sombra de la Ley é unha coprodución FD Production (Francia) na que participan Atresmedia, Movistar+, Canle Plus (Francia), Televisión de Galicia e a Televisión de Catalunya, co apoio de ICEC e Programa Media. A película distribuirase en España por Hispano Foxfilm e as vendas internacionais estarán a cargo de Films Distribution. Poderá verse nas salas de cine o 31 de agosto de 2018.

Comentarios