Porto de Marín e CEP apoian pedir a conexión co Corredor do Noroeste

Tras reunirse este luns, a patronal pontevedresa tamén inclúe o Ave por Cerdedo e a alta velocidade entre Vigo e Porto nas súas formulacións para o Cume Ibérico

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Autoridade Portuaria de Marín apoiaron a proposta que cataloga como "estratéxicos" o transporte ferroviario de mercancías, os tres portos de interese xeral do Estado da provincia e a súa conexión co Corredor do Noroeste.

Fixérono durante unha reunión do Comité Directivo da CEP, celebrada este luns en Marín, onde se debateu esta formulación presentada aos organizadores do próximo Cume Ibérico. Esta "aposta decidida da CEP", informa a entidade nun comunicado, tamén inclúe o Ave por Cerdedo e a alta velocidade para pasaxeiros entre Vigo e Porto.

O seu presidente, Jorge Cebreiros, que xa remitiu a proposta aos Gobernos de España e Portugal, defendeu que se non se aproveita a revisión do 2018 e 2020 do corredor do Noroeste e o Corredor Mediterráneo "quedaremos descolgados das oportunidades de financiamento do Plan Juncker".

Así, invitou a organizacións e administracións públicas do norte de Portugal, de Galicia, de Cantabria, de Asturias e do País Vasco a ir "da man" para aproveitar esta "oportunidade única".

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, explicou "a importancia" do tráfico ferroviario para este porto, xa que preto do 23% das súas mercancías móvense por tren. Tamén estivo de acordo en que, "a medio prazo", o Eixo Atlántico terá que competir por captar tráficos con orixe ou destino América.

Finalmente, tanto Cebreiros como Suárez expresaron o seu apoio ao Porto Loxístico Integral de Salvaterra-As Neves (Plisan) por supor unha "saída natural" ao almacenamento de colectores e para liberar espazos nos portos da provincia.

Comentarios