Quen é quen na macrorredada na Comunidade Valenciana?

Os principais implicados na operación da Garda Civil e a Fiscalía Anticorrupción levada a cabo este martes na Comunitat Valenciana polo suposto amaño de contratos en administracións públicas, na que polo momento hai 24 detidos e 29 investigados, son os seguintes:

Alfonso Rus: expresidente da Deputación de Valencia (2007-2015) e do PP provincial de Valencia (2004-2015), exalcalde de Xátiva (1995-2015) e expresidente do Olímpic de Xàtiva. Foi quen nomeou a Marcos Benavent como xerente da empresa pública da Deputación de Valencia Imelsa. Está detido.

Máximo Caturla: Exvicepresidente da Deputación de Valencia. Renunciou a todos os seus cargos o pasado maio, despois de que o PP aceptase a súa solicitude de suspensión cautelar de militancia. Nunhas gravacións, aparecería dialogando con Benavent sobre o cobro de comisións por adxudicación de contratos. Foi conselleiro na empresa pública Ciegsa e secretario autonómico de Educación. Detido.

María José Alcón: Exconcelleira do PP e exasesora da exalcaldesa de Valencia Rita Barberá. Foi suspendida de militancia en maio, tras coñecerse unhas gravacións segundo as cales cobrou supostamente comisións en 2005 e 2006 vinculadas coa Mostra de Valencia. Esposa do exvicealcalde de Valencia Alfonso Grau, procesado no caso Nóos.

Emilio Llopis: Exxefe de gabinete de Alfonso Rus e exalcalde de Genovés (Valencia), sobre o que se difundiu unha suposta conversación súa con Benavent na que se falaría de obter diñeiro dun proxecto urbanístico.

Mari Carmen García Fuster: Secretaria do grupo popular no Concello de Valencia desde 1991.

David Serra: Exsecretario autonómico de Educación e exdeputado autonómico do PP. Está imputado en varias pezas do caso Gürtel.

Vicente Burgos: exxerente da Fundación Jaume II El Just. Exmarido de María José Alcón.

Juan José Medina: exvicepresidente da Deputación de Valencia e exalcalde de Moncada (Valencia).

Comentarios