Rajoy: "Barberá non está acusada de nada nin a chamaron a declarar"

O presidente do Goberno en funcións rexeitou que o último caso de corrupción no que se viu envolvido o PP vaia afectar ás negociacións para formar goberno

"Non se fan distingos entre persoas. Non me consta que a Rita Barberá se lle acuse de algo. Non está acusada de nada, nin ninguén a chamou a declarar en ningunha condición", dixo este mércores Mariano Rajoy , antes de pedir "un pouco de mesura" en relación contra a macrorredada na Comunidade Valenciana que se saldou con varios arrestos de cargos do PP.

O presidente do Goberno en funcións rexeitou
 a idea de que o último caso de corrupción no que se viu envolvido o seu partido afecte as negociacións para formar Goberno, e subliñou que as detencións do martes demostran que "non hai impunidade".

Nunha entrevista en Telecinco, Rajoy subliñou ademais que o PP foi, é e seguirá sendo "implacable" ante este tipo de situacións, e recordou que o martes mesmo o partido suspendeu a todos os militantes involucrados no caso Imelsa de Valencia, e fíxoo non polas negociacións para o Goberno senón "por respecto" aos militantes e simpatizantes.

Rajoy admitiu que a corrupción foi "o que máis dano" fixo ao PP nas eleccións, pero insistiu en subliñar todas as decisións do seu Goberno para atallala e comprometeuse a seguir tomándoas nos próximos catro anos para evitar casos como o do martes, que provocou a detención do expresidente do PP valenciano Alfonso Rus. "Fíxonos moito dano, pero aprendemos. Isto no futuro non se vai a volver producir", afirmou.

Tras recordar que o caso está baixo segredo de sumario, dixo que nin Rita Barberá nin Gerardo Camps foron chamados a declarar nin foron detidos, polo que ata o momento "estas persoas están absolutamente limpas". "Non se fan distingos entre persoas. Non me consta que a Rita Barberá se lle acuse de algo. Non está acusada de nada, nin ninguén a chamou a declarar en ningunha condición". E apostilou: "Se se lle acusase de algo tería o mesmo trato ca min".

CASO BÁRCENAS E RATO. Tamén falou Rajoy do caso Bárcenas e en concreto sobre que o xuíz cite ao PP e á súa tesoureira Carmen Navarro para que declaren o 4 de febreiro como investigados tras a reapertura da causa que segue pola destrución dos discos duros dos computadores que utilizaba o extesoureiro do partido Luis Bárcenas, custodiados na sede dos populares. Asegurou que no auto non pon que o PP estea imputado e engadiu que o seu partido non pode estar imputado porque esta figura non existe.

Preguntado polo feito de que o exvicepresidente do Goberno Rodrigo Rato vaia declarar en calidade de investigado o 19 de febreiro nunha nova peza separada que está baixo segredo de sumario, na que se investiga a orixe da súa fortuna, Rajoy dixo que o viu no xornal. "Non sei se é certo, non sei por que é. Rato apartouse do PP", engadiu.

Comentarios