A Rapa de Sabucedo inaugurará o enclave da 'casa das vellas'

A ESTRADA. A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) ten practicamente todo ultimado para a celebración da vindeira edición do evento, declarado de Interese Turístico Internacional e que se celebrará os días 5, 6, 7 e 8 de xullo. Unha das grandes novidades será a sinalización e inauguración do enclave no que se situaba a coñecida como 'casa das vellas', as dúas irmás que, no século XVI, ofreceron un cabalo e unha egua ao Santo se libraba ó seu gando, como así di a lenda que ocurreu, da peste que estaba afectando ós animais. As bestas foron botadas ó monte e aí naceu a lenda que deu orixe á Rapa de Sabucedo.

Daquela vivenda non quedan máis cá algúns vestixios que están sendo analizados polo estudio de arqueoloxía e de xestión integral do patrimonio cultural Citania. O arqueólogos certificaron a autenticidade do enclave, situado na mesma aldea de Sabucedo, a un quilómetro aproximadamente de distancia do actual emprazamento do curro. O colectivo, que ten como obxectivo, aínda que a longo prazo, reconstrui-la 'casa das vellas' quere que o lugar se convirta nun reclamo turístico máis, que axude a potenciar a Rapa.

Quen desexa asistir ós curros xa pode mercar as entradas a través de Internet, na seguinte ligazón. O prezo mantense en dez euros para adulto e en cinco para os menores de doce anos. As tarifas serán as mesmas para os que decidan merca-las entradas no despacho de billetes do propio curro. Como xa vén ocorrendo dende hai dous anos, a asociación volverá a baixa-las bestas o día anterior ó primeiro curro, o venres, día 5. Para as 7 da mañá está prevista a saída camiño de Montouto na procura dos cabalos. A xuntanza das greas na chaira do Peón prevese para a unha da tarde para o seu encerro no eido do Castelo e a marcaxe con microchip. Nesa xornada inaugurarase, ó lado do curro vello, a exposición 'Galicia latexa, a Rapa das Bestas de Sabucedo' e haberá un concerto e unha verbena. Na xornada do sábado, arredor das 12 horas, trasladaranse os animais pola aldea ata o peche de Cataroi. Para as sete da tarde está programado o primeiro curro.

O segundo, e sempre máis multitudinario e agardado, será o domingo 7 ás doce da mañá. En ámbalas dúas xornadas haberá verbena no campo do medio, aínda que están sen pechar as actuacións. O domingo o programa complétase ademais cunha exhibición folclórica (ás 17 horas) e coa actuación dunha banda de música. Coma nos últimos anos, haberá servizo de Rapabus, dende A Estrada.

Comentarios