Reactivar a economía

Estes días podemos ver na prensa como o premio Nobel Paul Krugman afirma que cómpre activar a economía. Que as políticas de austeridade nos conducen á parálise e á recesión. En entrevista case diaria alerta do erro político que supón que esta crise a paguen só as clases medias e baixas. E todo isto sen defender ningunha postura que se puidera chamar radical, senón todo o contrario.

Sen menosprezar para nada a Krugman non fai falta ser Nobel en economía para percibir que con salarios cada vez menores, pagando máis pola luz, a bombona de butano ou os medicamentos dificilmente se reactiva ningún consumo. Só temos que preguntar aos comerciantes sobre o primeiro día de rebaixas. Moitos deles non daba crédito a como baixaran as vendas. Un comercio que nos últimos tempos sufriu a implantación masiva das grandes superficies. Isto provocou que moitos locais dos centros das cidades agora sexan testemuñas fantasma desta mala planificación.

O preocupante é que mentres se rescatan bancos e entidades financeiras, o horizonte que propón o PP é máis e máis recortes. Con esa lóxica maior será a contracción do xa escaso consumo e desde logo que a reactivación seguirá sendo só un desexo.

As persoas teñen rostro, mans e vida. Son moito máis que números do PIB ou das estatísticas de desemprego. Teñen enfermidades e necesitan medicamentos. Debemos combater a idea segundo a cal ter un traballo é vivir por encima das posibilidades. Considero que todas e todos debemos modificar as prioridades. Rematar coa economía da especulación e poñer as persoas no centro da reactivación.

Comentarios