Recuperan o cadáver dun home nunha zona rochosa da praia de Samil

No mesmo areal, un home de 73 anos tivo que ser atendido tras sufrir unha parada cardíaca

Efectivos de Protección Civil localizaron este domingo o cadáver dun home en avanzado estado de descomposición que apareceu flotando nunha zona rochosa da praia de Samil, a medio quilómetro da costa.

Tras realizar o macabro achado, Protección Civil avisou a Salvamento, que remitiu ata a zona unha lancha con base en Cangas para colaborar cos voluntarios. Pasadas as 21.30, o dispositivo logrou levar a terra o corpo, cuxa identidade non transcendeu.

Por outra banda, á primeira hora da tarde deste domingo os bañistas do areal vigués levaron un bo susto ao sufrir unha parada cardíaca un home de 73 anos, de nacionalidade portuguesa.

Segundo informou o Concello de Vigo, foron uns particulares os que deron a alerta sobre as 13.00 horas ao ver ao home flotando inconsciente boca abaixo preto da beira. Despois de que os socorristas lograsen reanimalo, os servizos de urxencias trasladárono a un hospital.

Comentarios