Sáenz de Santamaría entra na campaña galega para pedir un compromiso coa chegada do AVE

A portavoz do Partido Popular no Congreso dos Deputados, Soraya Sáenz de Santamaría, instou esta tarde ao Goberno, nun acto celebrado en Ourense, a que "cumpra os seus compromisos sempre atrasados coa chegada do AVE a Galicia".

Durante un acto de apoio á candidatura de Rosendo Fernández en Ourense, a portavoz do PP ratificou o apoio do seu partido ao soterramento ferroviario en Ourense, e advertiu ao ministro de Fomento, José Blanco, de que "as palabras poden soar moi ben, pero necesitan ir acompañadas de feitos".

"A min non me abonda con que o señor Pepe Blanco diga que empeña o seu cargo e a súa palabra no cumprimento das infraestruturas e na chegada da AVE a Galicia", apuntou, recordando que a data prevista para a chegada da Alta Velocidade "atrasouse".

A portavoz popular subliñou que a palabra socialista a pon "en corentena", logo de facer mención a promesas que non cumpriron durante a súa lexislatura como "o pleno emprego".

Saénz de Santamaría anunciou que o PP presentará o próximo 24 de maio "unha moción" no Congreso, para reclamar ao ministro de Fomento que "no prazo de 15 días presente todos os documentos de licitación, presente todos os acordos, presente todos os proxectos que licitou ou que vai licitar nos próximos meses".

"Necesitamos ter toda a información necesaria para poder facer un seguimento e poder constatar que cumpre a súa palabra e que se cumpre algo fundamental ao noso xuízo que é o compromiso con todos os galegos", indicou a portavoz do PP.

Acompañada polo secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, o presidente provincial, José Manuel Baltar, e o candidato á alcaldía de Ourense, Rosendo Fernández, Sáenz de Santamaría mostrou o seu respaldo á iniciativa de soterramento, para engadir que as infraestruturas "poden e deben ser clave para o conxunto de toda Galicia".

A este respecto, insistiu en que para o PP é un obxectivo fundamental "evitar divisións nunha cidade na que o soterramento pode ser a mellor forma de integración da Alta Velocidade dentro do centro urbano".

Por iso, alegou que a iniciativa de soterramento é un "obxectivo fundamental" porque "pon o acento nesa calidade de vida que ten que ter a cidade de Ourense".

Por outra banda, a portavoz do PP anunciou que o seu partido solicitará a comparecencia de José Blanco no Congreso para que explique "os sucesivos atrasos" no tráfico aéreo español.

Sáenz de Santamaría recordou que os atrasos son cada vez "máis constantes" no ámbito da navegación aérea, e que esta situación a están padecendo "a maioría das cidades e aeroportos españois, ante as dificultades e deficiencia das prazas que teñen que cubrir especialmente en control aéreo".

"Achégase a tempada estival e cremos que debe comparecer o ministro de Fomento para dar tranquilidade aos usuarios e aos viaxeiros de que pode prestarse o servizo en condicións nos próximos meses", sinalou.

Comentarios