Saenz de Santamaría: ''Non hai nada que discutir nin negociar''

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Saenz de Santamaría, insistiu hoxe en que "non hai nada que discutir nin que negociar" respecto da consulta soberanista anunciada onte polo Executivo catalán.

Sáenz de Santamaría apelou -especialmente ao presidente catalán, Artur Mas- ao respecto á lei e dixo que o Executivo velará para que os cataláns se vexan "o menos prexudicados" posible pola iniciativa soberanista da Generalitat.

Respondía así na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros ás preguntas relacionadas coa consulta soberanista de Mas, na que recalcou que o Goberno éo de todos os españois, incluídos os cataláns, polo que seguirá traballando para fortalecer os lazos que unen a Cataluña con España.

A vicepresidenta, que non contestou sobre a posibilidade de aplicar o artigo da Constitución que permite a suspensión dunha autonomía, insistiu en que a consulta é inconstitucional, porque corresponde a todos os españois "dicir como se organiza España" territorialmente.

Ao tratarse dun asunto que compete a todos os españois, "non é entre este Goberno e calquera outro" o que se poida negociar, "discutir ou transixir", xa que é algo que "non forma parte da nosa capacidade de disposición, nin de negociación".

Iso non quita, proseguiu a vicepresidenta, que, como "Goberno da nación e, xa que logo, dos cataláns" siga traballando para fortalecer "os lazos económicos, sociais, políticos e afectivos dos cataláns e do resto dos españois".

Agregou que continuarán co seu labor para que os cataláns "se vexan o menos prexudicados posible por un proceso" que vai fracturar a sociedade, alentar a división e xerar nos cidadáns a sensación de incerteza, contraria á estabilidade que todo o mundo necesita".

Apelou ao respecto á lei, especialmente dos políticos e de Artur Mas, "que asumiu durante un debate que non faría nada que violentase as leis a que reflexione sobre o inicio deste proceso se decide emprendelo".

Saenz de Santamaría aludiu á situación financeira pola que atravesa Cataluña e ás axudas desde o Executivo central.

Na súa opinión e, "por irresponsabilidades doutros Gobernos, o que non vai facer é prexudicar aos servizos públicos" desta comunidade ou aos provedores aos que non paga a Generalitat.

Agregou que se outras Administracións "non cumpren con eses cidadáns, este Goberno está para que todos os españois, incluídos os cataláns, poidan seguir recibindo servizos públicos ou cobrar as nóminas", aínda que recordou que esas axudas son préstamos que terán que devolver, do mesmo xeito que o resto de autonomías que están en similar situación.

Comentarios