Sanxenxo busca pór freo ao exceso de ruído nas festas en pisos de aluguer

A revisión da normativa inclúe a responsabilidade subsidiaria dos propietarios
El alcalde del municipio sanxenxino, Gonzalo Pita
photo_camera El alcalde del municipio sanxenxino, Gonzalo Pita

O Concello de Sanxenxo quere dar un novo xiro de porca á normativa que regula a contaminación acústica. Un dos temas a tratar no próximo Pleno ordinario, que terá lugar o 28 de novembro (20.30 horas), será a aprobación da nova ordenanza de ruídos modificada polo Goberno local para adaptala á Disposición Derogatoria única da Lei 12/2011 de Medidas Fiscais e Administrativas, que establecía, ademais, un prazo dun ano para que a Xunta aprobase un decreto no que se incorporase ao dereito autonómico a normativa europea e estatal básica en material de contaminación acústica.

Esta cuestión é moito máis que unha mera formalidade. E é que o Goberno municipal quere que a normativa presente como principal novidade, con respecto á anterior, a posibilidade de dar solución ás molestias que xeran os ruídos que se producen no interior dos pisos de aluguer, especialmente durante o verán. E é que nos meses de xullo e agosto é habitual que a Policía Local reciba queixas relacionadas con este tipo de molestias. Agora, o Concello aposta por incluír na ordenanza a responsabilidade subsidiaria dos propietarios dos inmobles polos ruídos que poidan causar os seus inquilinos. A pretensión do Goberno local non é nova. De feito, hai uns meses a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez, recoñeceu nunha entrevista concedida este xornal a necesidade de tratar de pór coto á contaminación acústica que se xera no interior de vivendas alugadas. "Sabemos que hai novos que celebran festas ata ben entrada a madrugada. Recibimos queixas veciñais respecto diso. Este aspecto non o contempla a ordenanza vixente e é algo a revisar", asegurou entón.

O Concello quere acabar coa contaminación acústica que se xera en inmobles alugados nas noites de verán

VILA PIONEIRA. O novo documento obedece á necesidade de adaptala aos cambios lexislativos e ao novo Decreto da Xunta, e a súa aprobación converterá a Sanxenxo nun dos primeiros municipios galegos en cumprir este precepto. Na redacción do novo texto traballaron conxuntamente os servizos xurídicos municipais, a Policía Local e a empresa contratada polo Concello para o control dos ruídos.

Por outra banda, a ordenanza mantén aspectos como a obrigatoriedade de dispor de dobres portas para os establecementos de hostalería ou a prohibición de facer ruído nas terrazas para toda a poboación.

A sesión plenaria do próximo luns tamén servirá para que o edil non adscrito, Roberto Carlos Agís, presente unha moción na que insta o Goberno local a que reactive canto antes a negociación cos sindicatos do novo convenio laboral do persoal municipal.

Comentarios