Sanxenxo contará cun equipo de 60 socorristas e sanitarios nas súas praias

O Goberno local sinala que atenderá a todos os areais ►Empezan as obras de mellora nos accesos a Canelas

O persoal coa que contará Sanxenxo durante o verán estará formada por un mínimo de 60 persoas, aínda que o Goberno municipal confía en que o número de socorristas e sanitarios nas súas praias sexa finalmente superior. Os últimos aspirantes superaron as probas celebradas o día 22.

"Puidemos superar a cifra de persoal de vixilancia do verán 2016, o que permitirá cubrir o servizo en todos os areais con bandeira azul: O Espiñeiro-A Lanzada, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos e Areas Gordas-A Lapa", sinala o Concello.

Ademais, outros areais que non contan con este distintivo tamén disporán do mesmo servizo de vixilancia, como é o caso de Areas e Caneliñas. Este fin de semana incorporaranse dez persoas, o que permitirá abrir os postos de Major e O Espiñeiro-A Lanzada.

Areas, Silgar, Canelas e Montalvo xa contan con socorristas desde o día 16, ademais da embarcación de salvamento que vixía o litoral. Estes profesionais terán máis posibilidades de ser contratados o ano que vén, indica o Goberno local, e anuncia que ten a intención de "mellorar substancialmente o soldo do persoal de vixilancia, así como aumentar o período de contratación dos efectivos".

Con independencia da climatoloxía, "Sanxenxo ten que dar un salto cualitativo na atención e coidado das praias de forma que dispoñan de todos os servizos desde o 1 de xuño", mantén a Administración local.

Por outra banda, a próxima semana comezarán as obras nun dos accesos á praia de Canelas. Logo da visita de Cristina Paz, xefa provincial de Costas de Pontevedra, o venres confirmouse a data.

Os traballos consistirán na construción dunhas escaleiras de pedra que permitan a baixada á praia e, á súa vez, servirá de muro de contención. Tamén será consolidado o noiro natural, con tres bancadas, e plantarase vexetación para que cubra a zona.

A Concellería de Medio Ambiente expresou a súa satisfacción por esta actuación, porque "o acceso atópase en estado de perigo e vén sendo unha demanda de veciños e usuarios desde tempo atrás".

O Concello de Sanxenxo fixo público o seu desexo de que no mais breve espazo de tempo posible "póidase dar solución a todas as necesidades detectadas durante a visita".

Comentarios